ABANCA, primeiro banco español en adherirse aos Principios de Investimento Responsable de Nacións Unidas
- A entidade guiarase por criterios ambientais, sociais e de goberno corporativo na realización de operacións nos segmentos de servizos e produtos de investimento e seguros
- A entidade profunda na súa estratexia de sustentabilidade tras sumarse en 2019 aos Principios de Banca Responsable e ao Compromiso Colectivo para a Acción Climática
ABANCA desenvolverá de acordo con criterios ambientais, sociais e de goberno corporativo (ASG) a súa actividade investidora nos segmentos de servizos e produtos de investimento e seguros tras subscribir os Principios de Investimento Responsable da PRI Association, organismo independente que constitúe o principal impulsor do investimento responsable no mundo.
ABANCA é o primeiro banco español en adherirse a estes principios promovidos e apoiados pola ONU a través da Iniciativa Financeira do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP FI) e o Pacto Mundial.
O grupo ABANCA subscribiu os Principios en dúas categorías: a sociedade ABANCA Corporación Bancaria, que desenvolve a actividade financeira a través da súa dirección xeral de Mercado de Capitais, Xestión e Distribución na unidade de dirección de Investimentos (investment manager), e a sociedade ABANCA Seguros, a través da que o grupo opera no segmento asegurador, como propietaria de activos (asset owner).
Nun primeiro momento, ABANCA concentrará os seus esforzos na aplicación dos Principios ao seu labor investidor nos segmentos de negocio de fondos de investimento, plans de pensións, xestión delegada de carteiras e seguros. Nunha etapa posterior o banco estenderá a súa aplicación a outras actividades.
A adhesión aos Principios de Investimento Responsable levou a ABANCA á redacción dunha Política de Investimento Sustentable na que se integra o seu modelo de investimentos, denominado Alpha360, que permite a inclusión dos criterios ASG (ambientais, sociais e de goberno corporativo) dentro dos diferentes procesos de análises e xestión por parte da dirección de Investimentos do banco.
Medio ambiente, gobernanza e sociedade
Ao asumir os Principios de Investimento Responsable, ABANCA comprométese a aplicar criterios ambientais, sociais e de goberno corporativo na análise de investimentos e nos procesos de toma de decisións. Ademais, a entidade reportará as actuacións que desenvolva para implementar os Principios na súa actividade e modelo organizativo.
Á hora de avaliar posibles investimentos, a adopción dos Principios de Investimento Responsable supón a atención a cuestións de tipo ambiental como o cambio climático, as emisións contaminantes e o esgotamento de recursos.
Polo que respecta aos criterios sociais, os Principios establecen que a análise dos posibles investimentos terá en conta as condicións laborais das compañías candidatas, o respecto ás comunidades locais e indíxenas, a saúde e seguridade, as relacións cos empregados e a diversidade.
No ámbito do bo goberno, os equipos de análise de ABANCA considerarán cuestións como a política de compensación dos executivos das empresas analizadas, as súas prácticas para evitar a corrupción nos negocios, a diversidade e estrutura das súas xuntas directivas, e a súa estratexia fiscal.
Accións previas en favor da sostibilidade
A subscrición dos Principios de Investimento Responsable supón un paso máis na estratexia de sostibilidade de ABANCA, que a través da súa actividade promove un modelo que contribúa ao equilibrio económico, social e ambiental da súa contorna. A entidade sumouse en setembro de 2019 aos Principios de Banca Responsable (como signatario fundador) e ao Compromiso Colectivo para a Acción Climática, instrumentos nados da Iniciativa Financeira do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP FI). Con anterioridade ABANCA integrouse na Rede Española do Pacto Mundial e incorporara á súa actividade e modelo de xestión os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
Seguindo as premisas establecidas por este marco de actuación, o banco puxo en marcha nos últimos anos distintas iniciativas para promover a sostibilidade tanto na súa actividade como na súa contorna. Algúns exemplos diso son o lanzamento do servizo de xestión de carteiras Alpha Responsable, conformado con fondos de investimento que atenden a criterios de sostibilidade, a participación en proxectos do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, o apoio a proxectos empresariais de enerxías renovables, a aplicación de políticas de crecemento da carteira de clientes e proxectos de categoría green, a redución da pegada de carbono, de consumo enerxético e de papel nas operacións do banco, o uso de enerxía procedente de fontes renovables, a creación dun Código Ético e de Conduta para os seus empregados, e o lanzamento da súa Política de Sostibilidade e da súa Política Enerxética e Ambiental.
Ademais, o Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE), da Obra Social ABANCA, foi a primeira institución de ámbito universitario en Europa integrada na UNEP FI (United Nations Environment Programme Finance Initiative), en calidade de institución de soporte, para a dinamización da sostibilidade en todos aqueles contextos vinculados coas finanzas e o mercado nos que poidan ter impacto as accións de IESIDE: a formación, investigación e seguimento da actualidade dos mercados financeiros de forma que se garantan unhas finanzas sostibles.