ABANCA promove a reflexión sobre a sostibilidade no sistema financeiro e empresarial na II Xornada de Finanzas Sostibles
- O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, avogou por “introducir de maneira progresiva liñas de negocio máis verdes e sociais, sempre da maneira máis rigorosa posible, como parte dun proceso continuo de transformación”
- O evento, celebrado no Porto, reuniu a reguladores, científicos e expertos legais de España e Portugal
ABANCA celebrou no Porto a ‘II Xornada de Finanzas Sostibles. Unha perspectiva ibérica’ co obxectivo de propoñer novas estratexias para incorporar criterios de sostibilidade, ética e compromiso social aos sectores financeiro e empresarial tanto de España como de Portugal.
Máis de 60 persoas asistiron de maneira presencial ao evento organizado nas Caves Cálem que o banco ten na localidade portuguesa de Vila Nova de Gaia, que tamén puido seguirse en streaming.
O Country Head de ABANCA en Portugal, Pedro Pimenta, abriu o encontro, que reuniu a representantes dos principais actores implicados nasostibilidade e a súa translación á actividade financeira: reguladores, científicos e expertos legais dos dous países.
Sostibilidade e entidades financeiras
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, participou na mesa redonda ‘Sostibilidade e entidades financeiras’, onde analizou o proceso de transformación que está a vivir o sector financeiro e como ABANCA foi capaz de afrontar estes retos “poñendo ao cliente no centro das decisións, apostando pola dixitalización e a innovación e integrando a sostibilidade en todos os ámbitos da nosa estratexia corporativa e de negocio, nunha evolución natural da nosa concepción responsable da actividade bancaria”.
Tamén sinalou que “un dos obxectivos do Plan de Banca Responsable e Sostible 21-24 é acompañar ao tecido empresarial na transición cara a un novo modelo económico, canalizando o financiamento e os investimentos cara a proxectos que poidan transformar a economía”. Neste sentido, avogou por “introducir de maneira progresiva liñas de negocio máis verdes e sociais, sempre da maneira máis rigorosa posible, como parte dun proceso continuo de transformación no que é fundamental respectar os tempos de cada cliente”.
Ademais, indicou que “o banco traballa para satisfacer a demanda dos investidores por produtos sostibles e as esixencias das entidades reguladoras e supervisoras”. Froito desta liña de traballo é o recente lanzamento de tres fondos de investimento sostible, o impulso ao modelo de xestión de carteiras Alpha 360, a primeira emisión de bonos verdes de ABANCA e os primeiros produtos de financiamento para vehículos ecolóxicos novos e puntos de recarga vinculados aos fondos de recuperación Next Generation EU e ao Plan Moves III.
Tamén participou na mesa redonda a subgobernadora do Banco de España, Margarita Delgado, para quen “a sostibilidade non se entende de maneira completa se só nos fixamos no compoñente ambiental. Tamén ten que facer referencia á gobernanza das entidades e aos aspectos sociais”.
A subgobernadora explicou que “analizar e cuantificar o impacto que os riscos climáticos e ambientais teñen nas entidades financeiras está a supoñer un reto para todos, incluídos reguladores e supervisores, que estamos aínda nun proceso incipiente de deseño dos procesos de medición. O test de tensión climática que o Mecanismo Único de Supervisión realizará en 2022 será unha ferramenta clave que poñerá a proba por primeira vez este deseño. Os resultados van permitir identificar posibles vulnerabilidades e desafíos, así como as mellores prácticas”.
Neste proceso, subliñou que “é necesario ter unhas fontes de información de calidade baseadas en estándares globais homoxéneos. O primeiro é establecer definicións comúns para poder falar o mesmo idioma. Despois temos que recompilar datos homoxéneos suficientes para poder analizar e sacar conclusións e, por último, divulgar eses datos para que sexan accesibles a todos os actores e sexan usados para as súas tomas de decisións”.
Perspectiva científica e normativa
A xornada completouse cun relatorio sobre blue economy a cargo do CEO da Fundación Océano Azul, Tiago Pitta e Cunha; a intervención do socio de Uría Menéndez Portugal, Pedro Ferreira Malaquías, na que abordou o paquete normativo da EU sobre Finanzas Sostibles, e unha mesa redonda sobre sostibilidade e emisores que contou coa participación da vicepresidenta da CNMV, Montserrat Martínez Parera, o director xeral da CMVM, Manuel Monteiro, e a conselleira de ABANCA, Ana Barros.
Neste marco, Montserrat Martínez afirmou que “as finanzas sostibles son unha tendencia imparable. As compañías teñen que ofrecer información sobre como impacta a súa actividade no medio ambiente e como incorporan os riscos ASG no seu modelo de negocio. E facelo de forma fiable e comparable, que evite prácticas de branqueo ecolóxico. E para iso contarán co noso apoio e coa vontade de facilitar a transición necesaria, dados os retos aos que nos enfrontamos todos neste ámbito”.
Compromiso coa sostibilidade
A organización da II Xornada de Finanzas Sostibles inscríbese nos compromisos adquiridos por ABANCA nos últimos anos coa firma dos principais acordos sectoriais a nivel internacional. Precisamente esta semana acábase de cumprir o segundo aniversario da súa adhesión aos Principios de Banca Responsable e ao Compromiso Colectivo para a Acción Climática. O banco tamén subscribiu os Principios de Investimento Responsable e os Principios para un Océano Sostible, forma parte da Rede de Pacto Mundial e sumouse á Net Zero Banking Alliance e ao compromiso polo clima do sector bancario español.