ABANCA promove unha nova iniciativa de educación financeira coincidindo coa Global Money Week
- ABANCA e Afundación poñen en marcha ‘De Economía a Econotuya’, que chegará a máis de 300 estudantes de cinco comunidades
- O banco e a súa Obra Social organizan a próxima semana máis dunha vintena de actividades de educación financeira
ABANCA e a súa Obra Social van poñer en marcha a próxima semana unha nova iniciativa, titulada ‘De Economía a Econotuya’, que ampliará o programa de educación financeira que desenvolven desde 2015 e que o curso pasado alcanzou a cifra récord de 201.169 participantes.
O lanzamento desta nova proposta coincide coa celebración da Global Money Week, un evento de carácter internacional organizado pola OCDE para concienciar da importancia da educación financeira. O lema escollido para esta duodécima edición, que terá lugar do 18 ao 24 de marzo, é ‘Protexe o teu diñeiro, asegura o teu futuro’.
‘De Economía a Econotuya’ consiste nunha serie de encontros dos directores territoriais de ABANCA en cada zona xeográfica con alumnos e alumnas de centros educativos de diferentes niveis académicos nos que se explicarán conceptos financeiros adaptados ao perfil dos asistentes: manexo do diñeiro e diferenza entre caprichos e necesidades en Educación Primaria; trading, criptomoedas, ciberseguridade e mesmo interpretación da nómina nos cursos de Secundaria e Formación Profesional. O obxectivo é que adquiran estes coñecementos que son necesarios no día a día desde idades temperás para poder ter autonomía como adultos.
En total, a próxima semana están previstas dez accións nas que participarán máis de 300 estudantes de Educación Primaria, Secundaria e Formación Profesional de Galicia, Estremadura, Castela e León, Madrid e País Vasco, os territorios onde o banco conta con maior presenza.
Os encontros desenvolveranse no Colexio María Reina de Madrid (19 de marzo), Colexio Divina Pastora de León (19 de marzo), IES Arcebispo Xelmírez de Santiago (19 de marzo), Colexio Otxarkoaga de Bilbao (19 de marzo), CEIP Trajano de Mérida (20 de marzo), CEIP Paraixal de Vigo (20 de marzo), Colexio Peñarredonda da Coruña (21 de marzo), Colexio Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra (21 de marzo), CPI José García García de Ourense (21 de marzo) e Colexio Padres Franciscanos de Lugo (22 de marzo).
Outras iniciativas en marcha
Ademais desta nova acción, ABANCA e Afundación van reforzar con motivo da Global Money Week as outras actividades que forman parte do seu programa de educación financeira.
Entre elas, o ciclo de conferencias ‘Preparados para dar o salto’, co que ABANCA e Afundación achegan a educación financeira a centros educativos de secundaria. En concreto, a próxima semana están previstos seis relatorios aos que asistirán 220 alumnos e alumnas. Terán lugar no IES Vilamarín de Vilamartín (18 de marzo), CPR Colexio Vivas de Vigo (19 de marzo), IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa (20 de marzo), IES García Barbón de Verín (21 de marzo), IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra e IES O Ribeiro de Ribadavia (22 de marzo).
Ademais, ABANCA e Afundación van participar por noveno ano consecutivo no programa ‘As túas finanzas, o teu futuro’, promovido pola Asociación Española de Banca co asesoramento pedagóxico de Junior Achievement. Durante a próxima semana, persoas voluntarias de ABANCA impartirán dúas sesións formativas no marco desta iniciativa no International School SEK Atlántico en Poio (20 e 22 de marzo).
A oferta de actividades prevista por ABANCA para a Global Money Week complétase con outras iniciativas dirixidas a público escolar, como o Gran Prix Financeiro, un xogo que permite aos escolares de 3º a 6º de Educación Primaria empezar a familiarizarse con conceptos financeiros básicos que serán fundamentais ao longo da súa vida. Más dun centenar de escolares do CPR Plurilingüe Possumus de Vigo gozarán desta proposta durante os días 18, 19 e 21 de marzo.
Tamén neste marco terán lugar dous talleres de innovación e emprendemento que forman parte do programa formativo que impulsan Afundación e a Asociación Galega de Empresa Familiar (AGEF). Un será no IES Rodeira de Cangas do Morrazo (19 de marzo) e o outro no CPR Colexio O Pilar- Maristas de Vigo (21 de marzo). A actividade, enfocada á economía circular, consiste no desenvolvemento dun proxecto baseado na reutilización de tres residuos moi contaminantes: as cápsulas de café, as botellas de auga de plástico e os téxtiles.
Por último, o luns 18 de marzo impartirase unha sesión formativa aos estudantes do IES Rafael Puga Ramón da Coruña que están a participar na edición actual do programa ‘Segura-Mente: O Gran Tour’, unha das propostas en formato dixital que están en curso, xunto con ‘A tola aventura do aforro’ e ‘Pon o teu diñeiro a salvo’.