ABANCA reafirma o seu compromiso co sector primario na Semana Verde
- O banco renova o seu convenio de colaboración en materia financeira con tres entidades clave para o mundo agrogandeiro: Boaga, Asoporcel e Agaca
- A entidade financeira fai balance dos logros da súa unidade especializada ABANCA Agro, que se lanzou durante a celebración desta feira hai unha década
- ABANCA reafirma o seu apoio á feira ABANCA Semana Verde de Galicia e ao recinto feiral de Silleda, que acolle ao longo do ano diversos encontros especializados

O director de Banca Sectorial de ABANCA, Jesús Combarro (segundo pola esquerda), durante a sinatura cos representantes de Boaga, Asoporcel e Agaca.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá

O estand de ABANCA na feira ABANCA Semana Verde de Galicia.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA reafirma o seu compromiso co sector primario galego na cita máis importante para o mundo agrogandeiro do noroeste de España, a feira ABANCA Semana Verde de Galicia. O banco vén de asinar a renovación dos convenios de colaboración financeira que mantén con algunhas das asociacións sectoriais máis importantes, como son Boaga, Asoporcel e Agaca.
A sinatura tivo lugar esta mañá no estand do banco na feira, que serve de escaparate para dar a coñecer a súa proposta de valor ao sector agrogandeiro. O director de Banca Sectorial de ABANCA, Jesús Combarro, foi o encargado de subscribir os novos textos con Castor José Rivero, presidente de Boaga; Cruz Castro, técnica de Asoporcel; e Higinio Mougán, director de Agaca.
A sinatura destes acordos serve para activar toda a oferta especializada de produtos e servizos do banco aos profesionais que se integran nestas asociacións. Destacan as fórmulas de crédito, pensadas para impulsar novos investimentos ou modernizar os xa existentes, nas que cobran gran protagonismo as que buscan mellorar a sostibilidade ou dar entrada ás enerxías renovables. Tamén son de especial importancia os convenios oficiais co IGAPE, con diferentes SGR nacionais, coa Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA) ou co ICO.
Os asociados de Boaga, Asoporcel e Agaca accederán tamén á Liña de Financiamento Agro Multidestino, unha innovadora proposta lanzada polo banco en 2023 precisamente durante a celebración da feira ABANCA Semana Verde de Galicia. Grazas a este produto pioneiro, os clientes poden unificar nun único contrato o financiamento diario das súas explotacións agrícolas e gandeiras. En concreto, permite dispoñer de fondos para adiantar as axudas da PAC, cubrir os gastos das campañas agrícolas e gandeiras e financiar as primas dos seguros agrarios contratados a través de ABANCA. Os clientes acceden aos fondos ao seu ritmo, o que ofrece un claro aforro de custos e tamén simplifica os trámites administrativos.
Esta sinatura prodúcese durante a celebración da feira ABANCA Semana Verde de Galicia, cuxa edición número 47 comezou onte e que se prolongará ata o vindeiro domingo na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda. O banco é un dos principais patrocinadores da feira e tamén contribúe a garantir a estabilidade do recinto feiral silledense.
ABANCA Agro, clave na estratexia de apoio ao sector
A feira ABANCA Semana Verde de Galicia foi o escenario escollido hai exactamente unha década para presentar a unidade especializada ABANCA Agro, elemento clave na aposta do banco polo sector primario. Ante un público de profesionais, representantes de empresas, cooperativas, organizacións e outros axentes, o banco expuxo as principais liñas da súa oferta.
Dez anos despois, ABANCA Agro é unha realidade consolidada que cumpriu de sobra os retos que se propoñía. Cun volume de negocio superior aos 6.000 millóns de euros e preto de 60.000 clientes, a unidade creou un catálogo propio de produtos e servizos con solucións á medida, con xestores especializados altamente formados e capaz de responder ás necesidades cambiantes do colectivo con axilidade.
O proxecto mantén a súa natureza cunha forte presencia en Galicia e con cifras cada vez máis significativas noutros territorios como Castela e León, Asturias, Cantabria, Estremadura e Andalucía, e en plena expansión tamén en Portugal. Todo iso sen deixar de lado a súa estreita relación co sector, a través de centos de convenios de colaboración cos axentes máis relevantes e unha forte presenza nos principais foros de encontro do sector agrario e gandeiro.
Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias) é a entidade que representa e defende os intereses do cooperativismo agroalimentario en Galicia. O seu principal obxectivo é promover o desenvolvemento sostible e a competitividade das cooperativas agrarias galegas, actuando como piar fundamental para o sector primario da comunidade. Ofrece servizos de asesoramento técnico, xurídico, económico e de xestión ás súas cooperativas socias. Tamén organiza programas de formación e creación de capacidades para mellorar as habilidades dos seus membros e traballadores.
Boaga (Federación de Razas Autóctonas de Galicia) é a entidade que reúne e representa ás asociacións de criadores das distintas razas gandeiras autóctonas de Galicia en perigo de extinción. O seu obxectivo principal é a conservación, mellora e promoción destas razas, que son parte fundamental do patrimonio xenético, cultural e paisaxístico de Galicia. Céntrase principalmente en actividades de conservación e mellora xenética, promoción e difusión de produtos de razas autóctonas e apoio técnico e asesoramento aos criadores.
Asoporcel (Asociación de Criadores de Porco Celta) é a entidade que agrupa e representa aos criadores da raza autóctona porco celta en Galicia. A súa misión principal é a conservación, recuperación, promoción e mellora desta antiga raza porcina, que estivo ao borde da extinción. Asoporcel céntrase na conservación e pureza da raza, promoción e difusión da cría do porco celta entre os gandeiros, destacando o seu valor económico e o seu papel no desenvolvemento rural sostible. Apoia os criadores asociados ofrecendo asesoramento técnico e veterinario e acceso a subvencións.