ABANCA recibe o certificado Residuo Cero de AENOR
- AENOR recoñece así os esforzos de ABANCA na súa aposta pola sostibilidade e o respecto polo medio ambiente
- O certificado reflicte que ABANCA consegue reciclar o 95,01% dos residuos xerados nestas instalacións e que só un 1,16% envíase a vertedoiro
- O banco instalou puntos de reciclaxe en todas as plantas destes edificios para facilitar a recollida, clasificación e recuperación dos residuos
ABANCA obtivo o certificado Residuo Cero de AENOR para as súas sedes corporativas de Rúa Nova 30, na Coruña, e Recoletos 4, en Madrid, tras superar a auditoría realizada pola entidade certificadora nestas instalacións. Este selo concédese ás organizacións que integran na súa estratexia ambiental unha aposta clara pola sostibilidade e o respecto polo medio ambiente.
En concreto, o certificado Residuo Cero pon o foco nos puntos de xeración de residuos e contribúe ao impulso da economía circular, xa que se prioriza a reutilización e a reciclaxe, aproveitando os residuos como materia prima para novos procesos. Por tanto, esta certificación, outorgada a un selecto grupo de corporacións españolas, reafirma o respecto que ABANCA ten polo medio ambiente.
O director Rexión Atlántica de AENOR, Martín Pita, foi o encargado de entregar o certificado á responsable do proxecto Residuo Cero dentro da área de Xestión e Mantemento de Inmobles de ABANCA, Paynima Rizo, e á responsable da área de Sostibilidade, María García, nun acto na sede do banco na Coruña.
Durante a entrega, Martín Pita destacou que “este certificado está en liña coas directrices de economía circular e axuda ao cumprimento dos desenvolvementos normativos de ABANCA por ser unha entidade sostible e desenvolver produtos e servizos financeiros sostibles, asegurando que minimizan e valorizan as distintas fraccións de residuos que xeran de forma continuada. Isto é, que os seus destinos son a reutilización, a reciclaxe ou a valorización enerxética con recuperación de enerxía e non o depósito en vertedoiro”.
O certificado reflicte que o banco consegue volver introducir na cadea de valor o 95,01% dos residuos xerados nestas dúas sedes, por encima do 90% esixido para obter este selo ambiental, e que só un 1,16% envíase a vertedoiro.
A obtención da certificación Residuo Cero é o resultado dun proxecto posto en marcha polo banco en setembro de 2020 no marco da súa estratexia de sostibilidade e da súa Política Enerxética e Ambiental. Con esta iniciativa, a entidade busca establecer na organización os mecanismos de xestión ambiental máis adecuados para contribuír á conservación dos recursos naturais.
Paynima Rizo explicou que “entre as medidas adoptadas polo banco dentro do proxecto Residuo Cero atópanse a instalación de puntos de reciclaxe, denominados Eco Corner, en cada unha das plantas destas dúas sedes corporativas para facilitar a segregación en orixe das diferentes faccións de residuos, así como unha campaña de formación e concienciación dirixida ao persoal co obxectivo de que todos os empregados sexan conscientes da importancia de reducir os residuos que se xeran e de realizar correctamente a súa separación, tanto no ámbito profesional como no persoal”.
María García subliñou que “no éxito do proxecto foi clave a implicación de todos os profesionais usuarios das instalacións certificadas, que demostraron o máximo compromiso á hora de adaptarse ás novas medidas”. Tamén indicou que “esta é a primeira fase dun proxecto que se iniciou nas sedes da Coruña e Madrid porque son as que concentran maior número de persoas, pero que se estenderá progresivamente a outros edificios corporativos e oficinas da rede comercial”.
Compromiso ambiental de ABANCA
ABANCA é a entidade financeira líder no noroeste de España. Conta con 706 oficinas en 11 países de Europa e América, 5.800 empregados e un volume de negocio de máis de 95.000 millóns de euros. A súa proposta diferencial combina a atención persoal coa operatoria a través de canles dixitais e a distancia. ABANCA basea a súa actividade no coñecemento das necesidades do cliente e nun catálogo de produtos e servizos sinxelos, innovadores e transparentes. A especialización, a internacionalización e a sustentabilidade son outros sinais de identidade dunha entidade financeira situada entre as máis solventes do sector en España.
ABANCA é un dos signatarios fundadores dos Principios de Banca Responsable de Nacións Unidas e adheriuse tanto ao Compromiso Colectivo para a Acción Climática promovido por UNEP FI, a iniciativa financeira do programa de Nacións Unidas para o medio ambiente, como ao Acordo polo Clima alcanzado polas principais entidades financeiras españolas na COP25 de Madrid.
O banco tamén foi a primeira entidade financeira española en asinar os Principios de Investimento Responsable e os Principios para un Océano Sostible, dúas iniciativas de ámbito internacional promovidas por Nacións Unidas. Estas adhesións son unha mostra da vontade de ABANCA por ter, dentro do seu ámbito de influencia, un papel activo na transformación da sociedade.
O proxecto Residuo Cero supón un paso máis nos compromisos adquiridos e permítelle, ademais, contribuír ao ‘ODS 12: Produción e Consumo Responsables’, identificado polo banco como prioritario.
Sobre AENOR
AENOR é unha entidade de servizos profesionais que identifica e axuda a corrixir as brechas de competitividade das empresas, sectores e do tecido económico en xeral. Contribúe á transformación da sociedade creando confianza entre organizacións e persoas mediante servizos de avaliación da conformidade (certificación, inspección e ensaios), formación e información.
AENOR é a entidade líder en certificación en España, que xa desenvolve operacións en 90 países. Máis de 80.000 centros de traballo no mundo teñen algún dos certificados de AENOR en campos como a Xestión da Calidade, Sustentabilidade, Verificación de Información non Financeira, Benestar Animal, Seguridade e Saúde no Traballo, Dixitalización ou Compliance.