ABANCA reforza o seu apoio ao sector primario coa creación de `ABANCA Agro e Mar´
- A nova unidade do banco con sede en Galicia aglutina a 600 xestores especializados e 244 oficinas en zonas rurais e do litoral
- ABANCA conta cun investimento de 950 millóns de euros en actividades agrícolas, pesqueiras e gandeiras
ABANCA presentou esta mañá ABANCA Agro e Mar, unidade especializada a través da cal o banco con sede en Galicia prestará servizos financeiros adaptados ás necesidades dos profesionais, empresas, cooperativas e demais axentes do sector primario galego. A presentación de ABANCA Agro e Mar tivo lugar no marco da Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda ante representantes de todos os ámbitos do sector.
“Coa creación de ABANCA Agro e Mar mobilizamos todos os nosos recursos e capacidades nos segmentos agrícola, pesqueiro, forestal e gandeiro, potenciámolos mediante a achega dun alto grao de especialización, e dirixímolos cara o sector para darlle a mellor resposta ás súas necesidades”, sinala Luis Beraza, director de Negocio España de ABANCA.
ABANCA Agro e Mar proporciona aos seus clientes actuais e potenciais tres grandes vantaxes. En primeiro lugar, a proximidade ás súas explotacións e negocios, xa que os servizos de ABANCA Agro e Mar se canalizarán a través dunha rede de proximidade formada por 244 oficinas de ABANCA situadas nas zonas rurais e de litoral de Galicia, cifra que supón o 45% do total das sucursais da entidade. Coa súa ampla presenza territorial ABANCA chega ao 98% da poboación galega e é a única entidade financeira presente en 98 concellos da comunidade.
En segundo lugar, a especialización. Para iso ABANCA Agro e Mar conta cun equipo de 600 xestores especializados nas solucións financeiras mellor adaptadas ás características do complexo agro-mar. Como exemplo, a entidade vén de proporcionar aos seus empregados 1.700 horas en formación específica sobre a xestión das axudas da Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea.
E en terceiro lugar, a amplitude da oferta financeira presentada, coa que ABANCA dá resposta ás diferentes necesidades do sector (realización de investimentos, circulante, seguros, PAC e outras subvenciones, impostos, comercio exterior, avais, etc.) tanto xerais como dos subsectores específicos (forestal, vitivinícola, gandeiro, acuicultura, etc.).
”Queremos chegar a todos os integrantes do sector, desde os produtores á industria transformadora pasando polos vendedores e provedores, cunha oferta á medida das súas necesidades e en condicións moi competitivas”, indica Jesús Combarro, director de ABANCA Agro e Mar.
Presenza de ABANCA no sector
O investimento crediticio do banco con sede en Galicia para actividades pesqueiras, gandeiras e agrícolas é superior a 950 millóns de euros, o que supón un 7% do seu financiamento total a empresas, dous puntos por riba do peso do sector no PIB galego. ABANCA proporciona servizos financeiros a 600.000 clientes en zonas rurais e de costa.
ABANCA é a primeira entidade financeira en tramitación de axudas da PAC a agricultores e gandeiros galegos, cunha cota de mercado superior ao 49%, cifra que triplica á da segunda entidade. En 2014 domiciliáronse en ABANCA 17.800 solicitudes de agricultores e gandeiros galegos por un importe de 78,5 millóns de euros, o 44% do que chega a Galicia.
Adicionalmente, ABANCA mantén máis de 40 convenios de colaboración con diferentes entidades sectoriais (asociacións, cooperativas, denominacións de orixe, confrarías, etc.) a través das cales proporciona apoio financeiro en condicións preferentes sobre as estándar do mercado.
En 2014 a agricultura, gandería e pesca xeraron en Galicia un valor engadido bruto de 2.356 millóns de euros. Estas actividades supoñen en conxunto o 6,5% do emprego da comunidade, preto de 70.000 postos de traballo. O sector aglutina 68.000 explotacións agrarias e gandeiras e 4.500 embarcacións pesqueiras.