ABANCA reforza o seu programa de educación financeira coa obra de teatro ‘Laberinto’
- Esta nova montaxe teatral axudará a transmitir aos máis pequenos como as súas decisións poden influír na economía familiar
- Está previsto que asistan ás representacións 9.000 escolares de toda Galicia e por primeira vez haberá funcións en Vilagarcía de Arousa
ABANCA renovou as actividades do seu programa de educación financeira dirixidas ao colectivo escolar cunha nova obra de teatro que ten como finalidade poder transmitir aos máis pequenos a importancia dunha correcta xestión da economía no fogar e como as súas accións poden ter un papel fundamental para mellorar o aforro familiar.
Esta nova proposta escénica preséntase baixo o título ‘Laberinto’ e foi encargada por ABANCA á compañía teatral Zarándula, profesionais cos que xa traballou o curso pasado cando promoveu este formato innovador para introducir conceptos económicos básicos entre nenas e nenos. O resultado dese primeiro contacto foi ‘Dos contos ás contas’, que se representou con gran éxito ante máis de 8.000 escolares de toda Galicia.
A directora de RSC de ABANCA, Tatiana Suárez, explicou na presentación da nova obra, dirixida a escolares de 4º, 5º e 6º de Primaria, que o banco considera “de vital importancia achegar a estes público conceptos básicos de economía e xestión do diñeiro e que poidan empezar a tomar conciencia da necesidade de realizar un consumo responsable, especialmente nun momento tan sensible como a preadolescencia ou a adolescencia no que se van desenvolvendo comportamentos que fixarán o modo de actuar no futuro”.
Carlota Sánchez-Montaña, coordinadora adxunta de Educación Superior de Afundación, subliñou que as artes escénicas “permiten transmitir mellor as mensaxes que queremos facer chegar e reforzar valores cívicos nos nenos e nenas, xa que ven reflectidos no escenario os mesmos problemas aos que se enfrontan a diario”.
O Teatro Afundación de Vigo acolleu este martes as primeiras funcións de ‘Laberinto’ e os actores protagonistas, María Martínez-Losa, Rubén García e Alejandro López, confirmaron o éxito da montaxe entre os primeiros asistentes.
Tatiana Suárez destacou tamén “a gran acollida que tivo a proposta entre a comunidade docente”. “Ofertamos 8.200 prazas e recibimos máis de 13.000 solicitudes, o que nos obrigou a ampliar as funcións onde era posible e finalmente poderán asistir ás representacións 9.000 nenos e nenas de entre 9 e 12 anos”, indicou a directora de RSC do banco. Ademais, haberá funcións por primeira vez en municipios como Vilagarcía de Arousa (8 novembro), que se suma a Vigo (do 24 ao 27 de outubro), Pontevedra (30 e 31 de outubro), Lugo (2 novembro), Santiago de Compostela (3 novembro), A Coruña (6 novembro), Ourense (7 novembro) e Ferrol (9 novembro).
O uso das artes escénicas no ámbito da educación financeira é unha iniciativa innovadora de ABANCA que foi recoñecida como o mellor proxecto para a xuventude nos premios á Obra Social e á Educación Financeira 2016 que organiza a revista Actualidad Económica en colaboración coa Confederación Española de Cajas de Ahorro (CECA).
Programa de educación financeira
A educación financeira é unha das liñas estratéxicas prioritarias dentro da política de responsabilidade social corporativa que desenvolve ABANCA. Desde que se puxo en marcha o programa no último trimestre de 2015, o banco, en colaboración con Afundación, traballou para ofrecer propostas que cheguen a toda a cidadanía independentemente da súa idade.
Ademais das actividades dirixidas ao público infantil, como as producións teatrais ou o Gran Prix Financeiro, organízanse conferencias para novos estudantes de secundaria e bacharelato sobre economía básica e talleres para o colectivo de xente maior que buscan formalos no uso das novas tecnoloxías aplicadas ao control e xestión das nosas finanzas persoais.
Unha das grandes novidades para este curso 2017-2018 é que se incorporaron ao programa usuarios con discapacidade intelectual. A través dun convenio con Down Coruña ofrecerase formación a un sector da poboación que habitualmente queda á marxe destas accións. Para estes usuarios, dispor dos coñecementos financeiros adecuados pode ser un elemento clave para a súa integración, ademais de mellorar a súa independencia e a súa autoestima.
Ata este momento as diferentes actividades realizadas dentro do programa de educación financeira contribuíron a mellorar a cultura financeira de 18.992 persoas de todas as idades. Delas, 9.785 son nenos e nenas que empezaron a tomar conciencia da importancia de tomar decisións financeiras adecuadas.