ABANCA reforzará os premios literarios Arzobispo San Clemente co seu patrocinio
- Esta colaboración entre o banco e o centro de educación secundaria enmárcase dentro da aposta global do banco pola xuventude
- A relación entre ambas entidades iniciouse en 2015 con motivo da visita a Galicia do Premio Nobel da Paz Kailash Satyarthi
ABANCA e a Asociación Cultural ‘Instituto Rosalía de Castro’ de Santiago veñen de presentar un acordo de colaboración en virtude do cal o banco apoiará a institución educativa no desenvolvemento do seu ambicioso programa de actividades complementarias.
Nun primeiro momento esta colaboración centrarase no patrocinio, por cinco anos prorrogables, dos premios literarios Arzobispo San Clemente, que organiza o instituto dende 1993. A presenza de ABANCA aportará estabilidade á convocatoria, garantiza o seu futuro para as próximas edicións e contribuirá á súa internacionalización, favorecendo o seu crecemento en España, en Europa e en América.
O vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, destacou na presentación do acordo que o banco realizou unha aposta clara pola xuventude dende o ano 2015 e que esta liña de traballo continuará sendo unha prioridade os próximos anos no ámbito da súa política de Responsabilidade Social Corporativa.
“Cremos que a mocidade é o futuro deste país e debemos orientar os nosos esforzos a espertar o seu interese pola cultura, pola acción social e polo papel que deben desempeñar no mundo”, sinalou o vicepresidente do banco.
A entidade financeira comparte co instituto compostelano a forma de entender a educación, a preocupación polo futuro dos mozos e mozas e tamén a mensaxe de que é posible facer realidade os soños.
O director do I.E.S. Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda Soto, agradeceu a Juan Carlos Escotet Rodríguez a súa colaboración. Segundo explicou na presentación, “o apoio de ABANCA permitirá que o Premio San Clemente poida dar un salto significativo cara adiante, engadindo novos centros e novos países xa na próxima edición na que, ademáis do Rosalía de Castro e dos outros centros galegos, participarán tamén institutos de Inglaterra, Alemania, Francia e Portugal”. O director do centro tamén destacou que “grazas á colaboración de ABANCA esta aposta polos soños dos nosos mozos e mozas e pola lectura continuará abrindo camiños no mundo global”.
Co acordo suscrito, ABANCA convértese no principal mecenas do premio e reforza unha iniciativa que contribúe a espertar a paixón pola lectura e a escritura entre os estudantes de secundaria de toda Galicia e sitúa os centros públicos galegos no mapa da cultura global.
Os últimos escritores recoñecidos polos alumnos e alumnas dos insitutos galegos foron Pedro Feijóo, Javier Cercas e Colm Tóibín. Os tres visitarán Santiago de Compostela o próximo martes 2 de febreiro para asistir ao acto de entrega dos premios e compartir a súa experiencia no mundo literario cos estudantes.
Palabras para Galicia
A relación de ABANCA co I.E.S. Rosalía de Castro comezou en maio de 2015 con da iniciativa 'Palabras para Galicia', un foro creado polo banco para favorecer o intercambio de ideas que nos permita coñecer o pensamento de grandes personalidades recoñecidas polo seu labor en pos da mellora social. Na súa primeira edición contou coa presenza do Premio Nobel da Paz Kailash Satyarthi.
Durante a súa visita, o Nobel impartiu na Coruña a conferencia 'Educación para unha sociedade sostible: Construíndo alianzas innovadoras' e mantivo un encontro con 6oo alumnos e alumnas do instituto compostelano, cos que conversou sobre a loita pola defensa dos nenos e mozos no seu país de orixe e a importancia da educación na sociedade, entre outras cuestións.