ABANCA renova a súa proposta de valor adaptada ás necesidades das confrarías da ría de Vigo
- As confrarías do sur de Galicia abordan nunha mesa de traballo coa entidade financeira os principais retos e desafíos do sector
- A entidade financeira recolle as demandas do colectivo e amplía un convenio que cumpre dous anos reforzando a competitividade dos pósitos
- ABANCA incorpora a experiencia dos seus xestores de seguros para empresas, que ofrecerán propostas á medida do sector
ABANCA volve achegarse ás demandas do mundo do mar no sur de Galicia cunha xornada de traballo na que participaron os responsables das principais confrarías da ría de Vigo. O acto, que tivo lugar esta tarde na sede institucional da entidade financeira na cidade olívica, serviu para poñer o foco nos retos e desafíos dun sector clave para a economía produtiva da comunidade.
A reunión de traballo contou coa participación do director territorial de ABANCA en Vigo, Walter Álvarez, e do director de ABANCA Mar, Javier Fraga, así como outros representantes da entidade financeira vinculados co negocio do sector. Por parte das confrarías asistiron Iago Soto García, patrón maior da Confraría San Francisco de Vigo; Juan Alberto Cal Dacosta, vice-patrón maior da Confraría Virxe do Carme de Arcade; Silvia María Crespo Campos, patroa maior da Confraría Santa Tegra da Guarda; Clemente Bastos Estévez, patrón maior da Confraría San Xoán de Redondela; Susana González Álvarez, patroa maior da Confraría A Anunciada de Baiona; Jose Manuel Gregorio Vaqueiro, patrón maior da Confraría San Cibrao de Aldán-Hío e Francisco Javier Costas García, patrón maior da Confraría San Xosé de Cangas.
Durante preto de dúas horas expuxeron a súa visión sobre a situación do sector na comunidade e, moi especificamente, entre as confrarías da ría de Vigo. Coa cita celebrada esta tarde, xa son tres as edicións dunha reunión dirixida a coñecer de primeira man a realidade do sector e traballar de maneira conxunta en resolver as principais demandas como a renovación da frota ou as alternativas ante as limitacións das capturas.
Crédito para o día a día e propostas á medida en seguros
Ademais de achegarse á realidade do sector no entorno de Vigo, a reunión de traballo permite renovar o convenio de colaboración que ABANCA mantén con estes sete pósitos que operan no sur de Galicia. A entidade financeira e os máximos responsables das confrarías rubricaron un texto que dá cabida a produtos creados especificamente para traballadores e empresas do mar. Entre eles, inclúense solucións xa coñecidas como o préstamo persoal, desconto comercial, confirming, liñas de comercio exterior, leasing mobiliario, avais, anticipos a subvencións ou pago de impostos e financiamento oficial a través do Igape e ICO.
Pero sen dúbida, a gran novidade deste ano ten que ver coas necesidades máis inmediatas do colectivo, ás que se dá resposta a través dunha renovada póliza de crédito para o sector pesqueiro. Ademais de incluír un anticipo para paros biolóxicos, o produto gaña en flexibilidade e capacidade de adaptación ao cliente. A esta aposta polo financiamento a corto prazo súmase o impulso de ABANCA Mar á renovación da frota, con produtos creados para este cometido e así lograr a mellora competitiva das embarcacións.
As novidades deste texto complétanse cun novo modelo de racionalización do catálogo de seguros para este segmento, que vai permitir ofrecer respostas dunha maneira máis áxil. Un equipo de xestores especializados en seguros de empresa encargarase de trazar propostas para este colectivo de clientes, coñecerá in situ as súas necesidades, analizará as opcións e ofrecerá unha proposta de valor a medida.