ABANCA renova o acordo para brindar crédito ás confrarías de pescadores de Lugo
- A entidade financeira reúnese coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e cos patróns maiores de todas as confrarías da provincia para presentar a súa oferta financeira
- Con este novo acordo, que se suma aos alcanzados cos pósitos da contorna de Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña durante os últimos meses de 2018, o banco completa o seu plan de respaldo ao sector marítimo en Galicia
ABANCA amplía o seu plan de apoio estratéxico ao sector pesqueiro galego, e concretamente ao da provincia lucense, coa firma dun novo convenio financeiro coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e cos pósitos de Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo. Unha firma que tamén serviu para analizar as necesidades e principais desafíos aos que se enfronta o sector, co obxectivo de seguir ofrecendo produtos e servizos adaptados ás súas demandas.
No acto, celebrado en Burela, interviñeron, por parte da entidade financeira, o director territorial de en Lugo, Javier Soto; o director de ABANCA Mar, Javier Fraga; e o director de zona da Mariña, Carlos Teijeiro, ademais de diversos directores das oficinas afectas a estas confrarías. Por parte dos pósitos tomaron partido os patróns maiores das confrarías: José Basilio Otero (presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e patrón maior da Confraría San Juan Bautista de Burela), Domingo Rey (da Confraría Santiago Apóstol de Celeiro), José Juan Lestegás (da Confraría de Foz), Javier Martínez (da Confraría de Ribadeo), Javier Sánchez (da Confraría de San Cibrao), e Diego Pernas (da Confraría do Vicedo).
O convenio pon a disposición das confrarías unha póliza de crédito específica, con intereses moi baixos, co obxectivo de dar solución aos períodos de paro biolóxico e caída de ingresos que afectan ao sector. O texto tamén inclúe outros produtos a medida do sector, como a hipoteca naval para financiar buques e outro tipo de embarcacións vinculadas á actividade pesqueira, ou seguros personalizados para este colectivo.
O acordo inclúe igualmente outros produtos habituais como préstamos persoais sen intereses ou comisións para aprazar o pago de impostos ou subvencións, liñas de desconto, leasing mobiliario, confirming, avais, coberturas de prezos sobre gasóleo ou liñas de comercio exterior. Ademais, os membros das confrarías tamén poderán acceder aos plans de financiamento con respaldo institucional, como o Plan Activamos asinado por ABANCA coa Deputación de Lugo, que inclúe liñas de crédito a intereses baixos para facilitar o emprendemento, os novos investimentos ou a creación de emprego, entre outras. Tamén poderán beneficiarse doutros programas oficiais de crédito do ICO e Igape.
A finais de 2018, a entidade financeira tamén renovou os acordos que mantén cos pósitos da contorna de Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña. Con esta nova firma en Burela, ABANCA completa o seu plan de respaldo a unha área fundamental da economía galega.
Entidade de referencia para o sector pesqueiro e conserveiro
Esta alianza coas principais confrarías galegas súmase aos acordos que ABANCA mantén con outros grupos de acción local do sector pesqueiro, ademais doutras organizacións do mundo do mar. Recentemente a entidade financeira tamén conseguiu alcanzar un importante acordo coa Confederación Española de Pesca (Cepesca) para impulsar a renovación da frota española e a mellora competitiva do sector.
ABANCA apoia o traballo e esforzo dos traballadores deste sector clave a través dunha unidade especializada: ABANCA Mar, cuxa oferta de valor complétase cun catálogo produtos financeiros centrados no negocio da pesca e a conserva e a experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados.