ABANCA será neutra en emisións e disporá dunha alternativa sostible para os seus produtos en 2024
- Pretende alcanzar en 2050 as cero emisións atribuíbles á carteira crediticia e de investimentos
- O Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible establece os obxectivos e a folla de roteiro da entidade para o período 2021-2024
- O banco sitúa a sostibilidade no centro da súa estratexia corporativa
- As actuacións previstas estrutúranse en tres grandes liñas de acción: ambiental, socioeconómica e de bo goberno
- A entidade adapta ao contexto actual o modelo de banca responsable e comprometida coa contorna que desenvolve desde as súas orixes
Descarga los contenidos anexos
- Plan de Sostibilidade de ABANCA 13.05.2021. Presentación do Plan de Sostibilidade de ABANCA.
- Plan de Sostibilidade ABANCA 2021-2024 13.05.2021. Presentación do Plan de Sostibilidade de ABANCA 2021-2024.
- Presentación do Plan de Sostibilidade de ABANCA 21-24 13.05.2021. ABANCA alcanzará a neutralidade en carbono da súa actividade e disporá dunha alternativa sostible para os seus produtos financeiros en 2024. O banco desenvolverá o seu proxecto de sostibilidade co selo Sentir Planeta ABANCA.
ABANCA alcanzará a neutralidade en carbono da súa actividade e dispoñerá dunha alternativa sostible para os seus produtos financeiros en 2024. Son dous dos obxectivos que recolle o Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024 presentado polo presidente do banco, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o conselleiro delegado, Francisco Botas, e María García Cabeza, responsable de Sostibilidade de ABANCA, este xoves en Santiago. O banco pretende alcanzar en 2050 as cero emisións atribuíbles á carteira, segundo os obxectivos do Acordo de París. ABANCA desenvolverá o seu proxecto de sostibilidade co selo Sentir Planeta ABANCA.
O banco vén de aliñar a sostibilidade coa estratexia de transformación da entidade e acaba de definir un modelo de actuación que a sitúa no centro da toma de decisións. Avanza así no compromiso co progreso económico e social e o benestar das persoas que mantén desde as súas orixes, aínda que reformulado para adaptalo ao contexto actual.
O plan de acción recolle a folla de ruta e os obxectivos marcados polo banco para os próximos anos co fin de ser un actor relevante no ámbito da sostibilidade; apoiar a actividade económica sostible integrando no modelo de xestión, de negocio e de riscos os aspectos ambientais, sociais e de gobernanza (ASG), e acompañar aos seus clientes na transición cara á sostibilidade.
As actuacións previstas para impulsar un modelo económico e social respectuoso co medio ambiente estrutúranse en tres grandes liñas de acción nas que o banco xa traballa desde hai tempo: ambiental, con medidas para facer fronte á emerxencia climática; socioeconómica, dirixida a impulsar a recuperación e a transformación cara a un desenvolvemento sostible, e de bo goberno, que se concreta nun modelo de xestión enfocado nas necesidades dos grupos de interese e con especial atención aos novos riscos.
Loita contra o cambio climático
De acordo co plan de acción, ABANCA continuará promovendo medidas que contribúan a reducir o seu consumo enerxético e os residuos que xera co fin de mitigar as consecuencias do cambio climático e contribuír á protección da biodiversidade.
O banco marcou como obxectivo converterse nunha entidade neutra en carbono en 2024 na súa operativa interna; e alcanzar as cero emisións atribuíbles á carteira segundo os obxectivos do Acordo de París en 2050. Como primeiros pasos, comezou a calcular a súa pegada de carbono e estableceu obxectivos anuais de redución das súas emisións. Ademais, conta cun Plan Global de Eficiencia Enerxética e desde 2020 toda a enerxía que consomen tanto o banco como a súa Obra Social, Afundación, procede de fontes renovables. Tamén elaborou un plan de compensación de emisións que inclúe a plantación de 1.500 árbores.
A redución dos residuos xerados, a súa correcta xestión e valorización é outro dos piares do plan de acción no ámbito medio ambiental. No mes de abril o banco obtivo o certificado Residuo Cero de AENOR para as súas sedes principais e está previsto que en 2024 este modelo de xestión dos residuos estea implantado en todas as súas sedes corporativas.
As iniciativas de protección e concienciación do medio ambiente complétanse co proxecto Redes Vivas e coas actividades de voluntariado e de sensibilización ambiental que realiza Afundación, entre as que destaca este ano o Plan de conservación territorial-ON (PLANCTON), en colaboración coa Fundación Biodiversidad e o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.
Negocios sostibles e acción social
Dentro da liña de acción socioeconómica, ABANCA está a estudar a súa carteira de produtos e servizos para ofrecer unha alternativa sostible do seu catálogo en 2024. Tamén continuará impulsando o modelo de xestión de carteiras de fondos de investimento sostible Alpha 360, que conta cunha valoración moi positiva por parte dos clientes e unha rendibilidade media ponderada situada no primeiro cuartil a tres anos. Ademais, está a traballar na adaptación tecnolóxica de procesos en base aos criterios de sostibilidade que marca a normativa e nunha emisión de bonos verdes que se realizará en 2021.
No período 2021-2024 o banco acompañará aos seus clientes na transición cara a modelos de negocio máis respectuosos coa contorna, canalizando o financiamento e os investimentos cara a proxectos que poidan transformar a economía. O traballo executarase de forma fundamental a través da participación de ABANCA na Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos e dos programas que impulsará a través de Next Generation ABANCA, ABANCA Agro e ABANCA Mar.
Durante 2020 o banco deu un impulso á acción social a través dos programas da súa Obra Social, Afundación, co fin de mitigar as consecuencias provocadas pola pandemia da covid-19 nas economías familiares. Nesta liña de traballo enmárcanse accións como Cubertos, dirixida a ofrecer unha alimentación saudable a nenos e nenas en situación de vulnerabilidade, o apoio ao colectivo de persoas maiores ou o programa de educación financeira. Esta reorientación da actividade cara ao ámbito social manterase os próximos exercicios.
Xestión transparente e comprometida
O banco elevou a sostibilidade ao primeiro nivel de gobernanza ao incorporar os aspectos ASG nunha das comisións do Consello de Administración, cumprindo os estándares máis elevados que esixen as autoridades ás sociedades cotizadas.
Por outra banda, ABANCA desenvolverá un Plan director para a xestión de riscos climáticos e ambientais seguindo as recomendacións dos supervisores financeiros. No ámbito do bo goberno, os esforzos no período 2021-2024 centraranse na capacitación do persoal e o equipo directivo para conseguir que o 100% do persoal e dos órganos de dirección conten en 2024 con formación específica en finanzas sostibles.
O Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024 é un paso adiante nos compromisos adquiridos por ABANCA nos últimos anos para aliñar a súa estratexia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda de París, a raíz da súa adhesión ás principais alianzas do sector. É signataria fundadora dos Principios de Banca Responsable, está adherida ao Compromiso Colectivo para a Acción Climática, a Net Zero Banking Alliance de UNEP- FI e ao Acordo Sectorial polo Clima do sector bancario español. ABANCA subscribiu os Principios de Investimento Responsable e os Principios para un Océano Sostible, e forma parte desde a súa creación da Rede Global de Pacto Mundial.