ABANCA subscribe a petición ao G20 de maior compromiso contra o cambio climático
- O banco apoia a carta aberta impulsada por We Mean Business Coalition con motivo da COP26 para reclamar aos líderes mundiais unha acción decidida polo clima
- Como membro de Net Zero Banking Alliance desde o seu lanzamento, ABANCA traballa para promover o cumprimento dos obxectivos de París de redución de emisións
ABANCA reforzou o seu compromiso co obxectivo de redución de emisións fixado no Acordo de París coincidindo coa celebración da COP26. O banco subscribiu a carta aberta impulsada por We Mexan Business Coalition para reclamar aos líderes do G20 unha acción decidida fronte ao cambio climático que evite que o quecemento global supere os 1,5º C.
O apoio a esta iniciativa empresarial global, que asinaron xa máis de 600 empresas e organizacións de todo o mundo, é un paso máis na vontade do banco de contribuír a promover unha economía máis verde e neutra en carbono, como parte da súa adhesión a Net Zero Banking Alliance, proxecto impulsado pola Iniciativa Financeira do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP- FI).
ABANCA forma parte desta alianza do sector financeiro para avanzar na descarbonización da economía, integrada na Alianza Financeira de Glasgow para Net Zero (GFANZ), desde o seu lanzamento o pasado mes de maio. Como membro desta iniciativa, ABANCA comprométese a canalizar recursos cara a proxectos que impulsen a descarbonización da economía ata alcanzar o obxectivo de cero emisións atribuíbles á súa carteira crediticia e de investimentos en 2050.
Ademais, de acordo co seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 21-24, o banco fixouse como meta para 2024 ser neutro en carbono na súa actividade directa. Entre as primeiras medidas adoptadas destaca un acordo con Endesa que lle permitirá cubrir con enerxía renovable de orixe galega a maior parte da demanda de electricidade do próximos dez anos e o desenvolvemento dun plan de redución e compensación das súas emisións directas.
A sostibilidade é un dos eixos que vertebran a estratexia empresarial e de negocio de ABANCA, como unha evolución natural do compromiso social e ambiental que caracterizou ao banco desde a súa creación. Este compromiso reforzouse nos últimos anos coa súa adhesión ás principais alianzas sectoriais a nivel internacional para impulsar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS) e o Acordo de París sobre o cambio climático.
Ademais de formar parte de Net Zero Banking Alliance, ABANCA é signataria fundadora dos Principios de Banca Responsable, está adherida ao Compromiso Colectivo para a Acción Climática e ao Acordo Sectorial polo Clima do sector bancario español. Tamén subscribiu os Principios de Investimento Responsable e os Principios para un Océano Sostible, e forma parte desde as súas orixes da Rede Global de Pacto Mundial.