ABANCA suma esforzos coas confrarías do sur da Coruña para abordar os desafíos do sector nunha recta final do ano complexa
- O banco aumenta o seu compromiso cos pósitos do sur da provincia ante a incerta situación xerada polas inclemencias climáticas das últimas semanas, que poñen en risco o correcto desenvolvemento da campaña de Nadal
- As confrarías alertan da alta mortaldade de marisco nas rías e reclaman apoios ante a caída de produción
- A entidade financeira, a través da súa unidade especializada ABANCA Mar, ofrece un catálogo de produtos e servizos adaptado ás peticións e necesidades destes profesionais do mar
ABANCA fortalece o seu compromiso co sector pesqueiro do sur da Coruña ante a incerta situación xerada polos últimos temporais que azoutaron as costas galegas e que ameazan o correcto desenvolvemento da inminente campaña de Nadal. O director territorial de ABANCA en Santiago, Juan Carlos Carneiro, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, conduciron esta tarde na capital compostelá un encontro de traballo que serviu para renovar os tradicionais convenios de colaboración que unen a ambas as partes desde hai anos, e no que tamén participaron outros responsables da rede comercial do banco e a coordinadora xeral de RSC e Institucional de Afundación, Pilar Alves.
Durante o encontro, os representantes dos pósitos mostraron a súa preocupación pola alta mortaldade de marisco nas rías de Arousa e Muros-Noia, tras un mes marcado polo exceso de choivas e a consecuente caída da salinidade da auga, con efectos especialmente desastrosos para os moluscos bivalvos. Todo parece indicar por tanto que este será un Nadal complexo para o sector, nunhas datas nas que o aumento do consumo destes produtos é tradicionalmente destacable.
Produtos e servizos para cada necesidade
Como solución ante estes desafíos, o banco presenta unha serie de alternativas para atender as necesidades de liquidez puntuais, con produtos adaptados como pólizas de crédito específicas para o sector. Ademais, contémplanse igualmente outras solucións, como anticipos de axudas, aprazamentos de impostos ou liñas de desconto, que permitirán reducir o impacto da diminución da produción. Completan esta oferta outras opcións destacadas como avais ou seguros especializados, entre outras.
Todos estes produtos e servizos permitirán aos profesionais das confrarías facer fronte á situación actual, pero tamén poñer en marcha novos proxectos e mellorar aspectos fundamentais dos actuais, como o fomento da sostibilidade, a mellora da eficiencia enerxética e a modernización das embarcacións, grazas a distintas solucións como a hipoteca naval.
Esta alianza estratéxica inclúe a un total de 17 confrarías do sur da Coruña: A Pobra, Aguiño, Cabo de Cruz, Camariñas, Camelle, Corcubión, Fisterra, Lira, Muros, Muxía, Noia, O Pindo, Palmeira, Porto do Son, Portosín, Rianxo e Ribeira. Con ela, ABANCA reafirma o seu compromiso co crecemento e desenvolvemento sostible das comunidades pesqueiras do sur da provincia, traballando de xeito conxunto cos distintos pósitos para superar os desafíos actuais e construír un futuro máis resiliente para o sector do mar na rexión.
Compromiso coa protección do medio mariño
O encontro serviu igualmente para trasladar aos profesionais das confrarías as distintas accións desenvolvidas no marco de PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial que impulsa a Obra Social de ABANCA, Afundación. A responsable de RSC, Pilar Alves, explicou aos representantes das distintas entidades os detalles deste ambicioso proxecto, no que xa colaboran máis de 50 organismos de distintos sectores, e que ten como obxectivo principal fomentar a conservación e sostibilidade das actividades socioeconómicas no medio marítimo. Durante a súa intervención, Alves expuxo as distintas vías de colaboración que abre esta iniciativa que, entre outras actuacións, permitiu retirar das costas de Galicia preto de 49 toneladas de lixo mariño desde que se puxo en marcha fai tres anos.