ABANCA súmase ao Día da Educación Financeira con actividades para maiores e mulleres da pesca
- O conselleiro delegado e o director xeral de RSC e Comunicación do banco realizaron unha visita ao taller formativo sobre banca móbil que tivo lugar no Espazo +60 de Lugo
- Más de 60 socias de Anmupesca participaron nunha xornada de formación en Pontevedra
- Estas accións marcan o inicio do programa de educación financeira de ABANCA e a súa Obra Social para este curso, que inclúe un total de 976 actividades
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, iniciaron este luns, coincidindo coa celebración do Día da Educación Financeira, o programa de educación financeira que desenvolverán ao longo do curso 2019-2020 e que inclúe un total de 976 actividades coas que está previsto chegar a 105.000 persoas.
Unha das primeiras accións foi o taller ‘Xestiona as túas contas con ABANCA móbil’, no que unha vintena de usuarios do Espazo +60 de Afundación en Lugo aprenderon a consultar os saldos e movementos das súas contas, facer transferencias, activar ou desactivar cartóns e pagar recibos con só unha foto, entre outras funcionalidades da aplicación. O conselleiro delegado do banco, Francisco Botas, acompañado polo director xeral de RSC e Comunicación e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o director territorial do banco en Lugo, Javier Soto, mostrou o compromiso da entidade coa inclusión dixital e financeira das persoas maiores cunha visita a este taller formativo dentro da axenda de actividades prevista en Lugo.
A poboación de maior idade será un dos colectivos prioritarios do programa de educación financeira que desenvolverá ABANCA os próximos meses. Este segmento contará cunha programación específica que se realizará, como é habitual, no once Espazos +60 que ten Afundación nas principais cidades galegas. Nestas aulas organizaranse talleres de cultura financeira xeral e de bolsa, así como outras propostas destinadas a favorecer a dixitalización deste colectivo e que poidan utilizar as novas tecnoloxías, como a banca móbil ou os dispositivos de autoservicio, para realizar as súas xestións financeiras e mellorar o control da súa economía persoal e familiar.
En total, 1.912 usuarios dos Espazos +60 participaron até agora nas actividades de educación financeira do banco.
Talleres de saúde financeira para colectivos profesionais
Entre as novidades para esta nova edición do programa atópanse os talleres de saúde financeira ‘Mellora o teu benestar’, dirixidos a colectivos profesionais ou a aqueles que poden ser especialmente vulnerables.
Este luns tivo lugar en Arcade a primeira xornada formativa prevista, dirixida ao colectivo de mulleres traballadoras no sector pesqueiro. Máis de 60 socias de Anmupesca (Asociación Nacional de Mulleres da Pesca) asistiron ao taller, titulado ‘Coida o teu peto’, no que se abordaron cuestións xerais sobre a xestión das finanzas persoais co obxectivo de incrementar os seus coñecementos financeiros e contribuír así a mellorar a economía dos seus fogares, e, por extensión, a súa calidade de vida.
Na primeira parte da xornada as participantes realizaron dous cuestionarios, un para coñecer a súa actitude persoal na xestión do diñeiro e outro de finanzas básicas, e, a continuación, recibiron formación básica sobre a xestión do diñeiro, a elección de produtos financeiros, a xestión das débedas, a planificación do futuro e como conseguir aforrar máis e mellor.
Teatro para os máis pequenos
O banco e a súa Obra Social reforzan a súa aposta polas artes escénicas para achegar conceptos financeiros ao público de menor idade e estrearán nas próximas semanas unha nova obra de teatro titulada ‘Troia’. Esta montaxe, dirixido a escolares de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, súmase a ‘Dos contos ás contas’ e ‘Labirinto’, as dúas propostas dramáticas encargadas pola entidade financeira a Zarándula, que se representaron nos últimos anos en Galicia e Asturias con gran éxito.
Ademais, os máis pequenos poderán participar unha vez máis no Gran Prix Financeiro, unha actividade lúdica e educativa que lles permite tomar conciencia da importancia de realizar unha xestión correcta das finanzas.
Os escolares do último ciclo de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP contarán este curso cunha nova edición dos dous programas postos en marcha o ano pasado, Segura-Mente ABANCA e ABANCA Young Business Talents, que recibiron unha excelente acollida tanto por parte dos estudantes como por parte do profesorado.
Segura-Mente ABANCA ten como obxectivo achegar aos máis pequenos a cultura da prevención e valorar a importancia dos seguros como un investimento ante os imprevistos da vida. Na primeira convocatoria participaron 70.961 alumnos e alumnas de entre 8 e 16 anos de 274 centros escolares de toda España. O programa de simulación empresarial Young Business Talents ofrece á mocidade preuniversitaria a experiencia de xestionar unha empresa, fomentando así a cultura emprendedora. No curso 2018-2019 competiron máis de 10.000 estudantes de 432 centros educativos.
Así mesmo, para este colectivo mantéñense as conferencias ‘Preparados para dar o salto’ e os talleres de medios de pago dirixidos a actualizar os coñecementos de docentes e estudantes de formación profesional.
Accións online
ABANCA lanzou tamén este luns en Cuentas Claras, o blog do banco, a segunda edición do concurso de competencias financeiras ‘A Galaxia Financeira’. O ano pasado participaron nesta iniciativa, que ten como obxectivo dar a coñecer o glosariode termos financeiros do blog e pór a proba os coñecementos no ámbito das finanzas dos seus seguidores, preto de 800 persoas.
Ademais das iniciativas propias, como é habitual nos últimos anos, ABANCA manterá a colaboración cos proxectos que desenvolven neste ámbito as organizacións sectoriais AEB e Funcas.
O amplo e variado programa de educación financeira que organizan o banco e a súa Obra Social, Afundación é un exemplo máis do seu compromiso coa consecución da Axenda 2030 de Nacións Unidas e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, xa que mellorar os coñecementos financeiros da poboación supón un impacto directo en seis ODS: ‘Fin da pobreza’, ‘Saúde e benestar’, ‘Educación de calidade’, ‘Igualdade de xénero’, ‘Innovación e infraestrutura’ e ‘Acción polo clima’.