ABANCA únese ao ‘Día Internacional Contra a Violencia de Xénero’ coa posta en marcha de varias iniciativas
- A entidade colocará dúas casetas informativas en A Coruña e Pontevedra para sensibilizar á poboación sobre este tema e organizará un concurso en redes sociais
- Todo o cadro de persoal de ABANCA recibirá un lazo morado para sumarse ese día á causa
- Estas iniciativas enmárcanse dentro da política de responsabilidade social corporativa da entidade financeira de apoio aos colectivos máis vulnerables
ABANCA únese ao ‘Día Internacional Contra a Violencia de Xénero’ poñendo en marcha varias iniciativas coa finalidade de sensibilizar á poboación sobre este tema.
Baixo o lema ‘Ponlle fin para ter un principio’, a entidade financeira galega colocará en A Coruña e Pontevedra dúas casetas informativas nas que se convidará a todas as persoas que pasen a sacarse unha foto no fotomatón de ABANCA como mostra de apoio á causa.
En A Coruña, a caseta estará situada no Obelisco dende as 10.00 ata as 20.00 horas. En Pontevedra, situarase na Praza de San José no mesmo horario, de 10.00 a 20.00 horas.
Concurso en redes sociais
Para fomentar que a xente se involucre con esta causa, ABANCA organizará tamén un concurso nas súas redes sociais. As imaxes das persoas que se saquen unha foto no fotomatón das casetas informativas, e que o autoricen, subiranse ao perfil de Facebook de ABANCA e a foto que consiga máis ‘Gústame’ gañará un iPad Pro.
Campaña interna
Todo o cadro de persoal de ABANCA sumarase tamén á iniciativa recibindo un lazo morado como sinal de apoio á loita contra a violencia de xénero.
Estas iniciativas enmárcanse dentro da política de responsabilidade social corporativa da entidade financeira de apoio aos colectivos sensibles ou vulnerables. “Coa posta en marcha destas iniciativas queremos mostrar a sensibilidade do banco con todos os temas que afectan á nosa sociedade e a violencia de xénero é un dos problemas sociais máis graves”, sinala Tatiana Suárez, directora de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA.
A violencia de xénero segue sendo unha das principais lacras da nosa sociedade. Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, no que vai de ano, 39 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas no noso país.