Bankoa ABANCA realiza unha xornada de limpeza de microplásticos na praia de Zarautz
- Medio centenar de persoas voluntarias de Bankoa ABANCA participaron na xornada de recollida de residuos
- É a primeira acción de voluntariado corporativo que organiza o banco no País Vasco
Descarga los contenidos anexos
Máis de 50 persoas voluntarias de Bankoa ABANCA, entre as que se atopaba o seu director xeral, Jesús Suárez, participaron hoxe na primeira actividade de voluntariado corporativo ambiental organizada pola Obra Social de ABANCA, Afundación, no País Vasco.
A xornada desenvolveuse na praia de Zarautz, un extenso areal de 2.500 metros de lonxitude que acolle o Biótopo protexido ‘Inurritza’, onde se atopa o maior conxunto de dunas do País Vasco e o mellor conservado. Neste espazo natural, os voluntarios e voluntarias envorcáronse na retirada de microplásticos. Recolléronse, entre outros materiais, 600 cabichas, máis de 1.000 anacos de plástico e poliespan e 2.000 pellets, ademais de botellas, latas, bastonciños, tiritas, cristais de lentes e algún xoguete. Cabe sinalar que, con motivo dun campionato de surf que se celebraba hoxe na praia, unha máquina realizara unha limpeza do areal só dúas horas antes.
Esta actividade de mellora ambiental enmárcase dentro do proxecto PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial que impulsa a Obra Social ABANCA, Afundación. Desde que se puxo en marcha esta iniciativa, en marzo de 2021, conseguíronse retirar máis de 25 toneladas de refugallos de diferentes enclaves mariños da costa galega.
A xornada desenvolvida hoxe en Zarautz forma parte da vontade de ABANCA e Afundación de ampliar este programa xa consolidado en Galicia a novos territorios nos que o banco conta cunha presenza significativa. Nesta ocasión, para a organización da actividade, a entidade contou coa colaboración de Surfrider Foundation Europe, unha organización internacional dedicada á protección e posta en valor do océano, as ondas e o litoral con máis de 25 anos de traxectoria.
Con estas accións de protección e mellora ambiental do programa de voluntariado Actúa Afundación, tanto ABANCA como a súa Obra Social pretenden promover entre a sociedade a conciencia sobre a importancia de actuar de maneira responsable para manter os recursos existentes sen poñelos en risco para as xeracións futuras, dentro do seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS15 Vida de ecosistemas terrestres.