CECA premia na súa convocatoria estatal dous programas de Afundación e ABANCA de fomento da sostibilidade, a formación e o compromiso social
- PLANCTON e o Programa de Formación e Dixitalización Financeira para Persoas Maiores no Rural son as dúas propostas multidisciplinares de Afundación e ABANCA nas que o medio ambiente, a inclusión social e o coñecemento, se dinamizan grazas á participación do voluntariado
- Os galardóns entregáronse hoxe en Madrid no transcurso da gala dos Premios CECA
A Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA) recoñeceu ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, nunha gala de entrega celebrada este mediodía na súa sede social en Madrid. Os premios, que se entregan a nivel nacional, distinguen anualmente o labor daquelas entidades e fundacións que demostraron un alto grao de compromiso coa sociedade e coa contorna. Nesta ocasión, PLANCTON foi galardoado co primeiro premio na categoría de Medio Ambiente, e o Programa de Formación e Dixitalización Financeira para Persoas Maiores no Rural obtivo o segundo posto na rama de Educación Financeira para Maiores de 65.
Con estas distincións recoñécese o compromiso de Afundación e ABANCA coa posta en marcha de proxectos encamiñados a concienciar sobre a importancia das actitudes ambientalmente respectuosas, a formación e a innovación como mecanismos de mellora, e a cohesión e a inclusión como valores esenciais para un progreso social xusto. A coordinadora da área de Comunicación de Afundación, Gloria Rodríguez López, foi a encargada de recoller o premio a PLANCTON; e José Manuel Mourelo, coordinador da área de Responsabilidade Corporativa e Social de Afundación, e Patricia Rodríguez, xerente de Sistemática Operativa de ABANCA, recibiron o galardón polo Programa de Formación e Dixitalización Financeira para Persoas Maiores no Rural.
A de 2023 é a terceira edición de PLANCTON na que participaron as confrarías de pescadores, de mariscadoras, de clubs náuticos e de submarinismo. Desde o ano 2021, retiráronse dos areais e dos fondos mariños das costas galegas un total de 49 toneladas de residuos, unha tarefa posible grazas á participación activa do voluntariado «Actúa», integrado por persoal de Afundación e ABANCA, profesionais voluntarios do sector pesqueiro, do alumnado voluntario da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) e dos centros de formación profesional de Afundación en Vigo e A Coruña, así como das persoas maiores voluntarias dos espazos +60 da Obra Social de ABANCA. O galardón que hoxe entregou CECA súmase ao Premio de Economía Azul concedido pola Xunta de Galicia en 2022.
Desde o ano 2021, os resultados acumulativos de PLANCTON ascenden a 36 accións directas de limpeza de praias e areais en 15 concellos galegos, cun total de 49 toneladas de residuos retirados e 2 toneladas de flora exótica invasora erradicada, grazas á implicación de máis de 2300 persoas voluntarias. Ademais, implementáronse iniciativas de participación no coñecemento da Rede Natura 2000 en 11 centros escolares, campañas de concienciación na contorna marítima, a gravación de catro documentais nos que se conxuga sostibilidade e implicación social, e a consolidación dunha rede colaborativa a prol do medio ambiente que se estende a máis de cincuenta entidades.
O Programa de Formación e Dixitalización Financeira para Persoas Maiores no Rural busca reducir a fenda dixital, minimizar os desequilibrios entre zonas rurais e urbanas, fomentar a autonomía das persoas usuarias e paliar a potencial exclusión financeira de quen conta cunha menor experiencia dixital. Ademais, dinamiza a aprendizaxe interxeracional, xa que as sesións son impartidas por persoas profesionais voluntarias de ABANCA e Afundación. O proxecto ofrece ás persoas maiores formación presencial sobre caixeiros automáticos, banca móbil e ciberseguridade, de modo que se contribúa a consolidar a súa independencia tanto no referente á detección dos potenciais riscos nas operacións en liña, como no relativo a liberalas de ataduras horarias e xeográficas para que poidan, ademais, dispoñer da plena xestión dos seus tempos.
A súa posta en marcha foi posible grazas á decidida implicación do voluntariado de ABANCA e a súa obra social, Afundación, persoas profesionais tanto no sector económico-financeiro, como no do envellecemento activo, con capacidade para dar resposta a calquera tipo de dúbida sobre operativa, canles ou dispositivos. Ademais das sesións formativas, articuladas en xornadas de hora e media con contido teórico e aplicación práctica, habilitouse un número de teléfono gratuíto de asesoramento. Desde o seu lanzamento, ás máis de 90 sesións en municipios rurais de Galicia e León, asistiron xa máis de mil persoas.