Fitch sobe, por segunda vez consecutiva en doce meses, o rating de ABANCA
- Tras subir un chanzo, a cualificación do banco queda situada en BBB+, con perspectiva estable
- A axencia destaca a mellora da calidade de activos e a capitalización de ABANCA, así como a súa rendibilidade
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
Fitch anunciou a subida do rating de ABANCA nun chanzo, ata BBB+, ao tempo que mantivo a perspectiva en estable. Trátase da segunda ocasión na que a axencia sobe a cualificación de ABANCA no último ano, tras a efectuada en febreiro de 2025.
A axencia sinala que a mellora anunciada hoxe reflicte principalmente a mellora da calidade de activos e a capitalización de ABANCA, aínda que tamén destaca a boa evolución do banco noutros aspectos, como a rendibilidade.
Así mesmo, a axencia cualificadora elevou o rating de viabilidade de ABANCA, que pasa de bbb a bbb+; o rating da débeda senior preferred, de BBB a BBB+; o rating de débeda subordinada Tier2, de BB+ a BBB- (co que entra en grao de investimento, xa que ademais conta con rating Baa2 de Moody's); e o rating dos instrumentos AT1, de BB- a BB.
7 subas en 12 meses
A mellora de rating anunciada hoxe é a sétima recibida por ABANCA nos últimos 12 meses. As catro axencias que a cualifican elevaron o seu rating neste período. Dúas delas, DBRS e Moody's, sitúan xa a ABANCA na categoría A, o bloque de cualificacións máis elevado das axencias.
A mellora continua nas cualificacións de ABANCA recoñece a boa evolución da entidade en todos os ámbitos, especialmente en rendibilidade, solvencia, calidade dos activos e fortaleza do balance. As axencias premian tamén a estratexia de crecemento levada a cabo pola entidade nos últimos anos, así como a solidez da súa franquía de ámbito ibérico.