‘Lugrís, paredes soñadas’ alcanza os 10.000 visitantes en menos dun mes de exposición
- O público outórgalle unha puntuación de 4,6 sobre 5 e un 97% afirma que a recomendarían
- Este proxecto expositivo e o mural restaurado ‘Vista da Coruña 1669’ poden visitarse na sede de Afundación e a oficina principal de ABANCA na Coruña ata o 3 de setembro
A exposición ‘Lugrís, paredes soñadas’ superou os 10.000 visitantes cando está a piques de cumprir un mes aberta ao público na sede de Afundación na Coruña. Deles, 1.675 son escolares que participaron nalgunha das actividades educativas organizadas por ABANCA e Afundación para promover o coñecemento do artista entre os escolares.
O proxecto expositivo e o mural restaurado ‘Vista de A Coruña 1669’, que se pode contemplar na entrada á oficina principal de ABANCA na cidade pola rúa Olmos, recibiron unha cálida acollida do público coruñés, que sempre se sentiu moi próximo a este xenial artista surrealista nacido na Coruña.
A mostra reúne máis dun centenar de obras concibidas por Urbano Lugrís para decorar espazos públicos e privados tan variados como hoteis, recintos relixiosos, fábricas industriais ou institucións culturais, e moitas delas expóñense en público por primeira vez tal e como foron ideadas polo artista. O comisario da exposición, Rubén Ventureira, realizou un minucioso traballo de procura e selección de pinturas que se poden contemplar agora na Coruña grazas á colaboración de numerosos particulares, galerías de arte, museos e diferentes institucións públicas e privadas.
Entre as obras que se exhiben destaca o ‘Retablo do descubrimento’, un conxunto composto por 13 táboas realizado por Lugrís para o Instituto de Cultura Hispánica de Madrid ou a recreación virtual dalgunhas das pinturas que o artista creou para decorar a Capela dos Santos Reis de Bueu.
Guía virtual
En liña coa vocación didáctica que guía os proxectos de ABANCA, nesta exposición pódese ampliar información sobre a maioría das pinturas que se mostran e mesmo levar a exposición no teu móbil grazas á app gratuíta ‘Colección de Arte’. Esta aplicación, dispoñible para dispositivos móbiles tanto Android como iOS, utiliza a tecnoloxía de realidade aumentada e permite acceder á ficha artística da obra, afondar na biografía do autor, consultar outros cadros presentes na mostra, gardalos nunha listaxe de favoritos ou mesmo compartilos en redes sociais con só enfocar a obra coa cámara do dispositivo móbil.
Horario e visitas guiadas
‘Lugrís, paredes soñadas’ e o mural recuperado poderán visitarse de maneira gratuíta na sede de Afundación da Coruña e a oficina principal de ABANCA na cidade ata o 3 de setembro, en horario de luns a venres de 12.00 a 21.00 horas, os sábados e festivos de 10.00 a 21.00 horas e os domingos de 11.00 a 15.00 horas. Ademais, pódense realizar visitas guiadas ao mural, tamén gratuítas e sen necesidade de reserva previa, todos os martes e xoves (non festivos) ás 18.30 horas e os mércores (non festivos) ás 19.00 horas, sen reserva previa. Estas visitas complétanse coas programadas á exposición, que teñen lugar todos os martes e xoves (non festivos) ás 19.30 horas e os venres (non festivos) ás 19.00 horas.