Medio centenar de voluntarios de ABANCA constrúen refuxios de fauna en Rábade
- A actividade forma parte das accións organizadas polo banco co obxectivo de mellorar o patrimonio natural galego
- En novembro está previsto que finalice a plantación de árbores da campaña ‘Unha nova árbore’
O programa de voluntariado de ABANCA retomou a súa actividade tras o período estival cun taller de construción de refuxios para fauna en Rábade (Lugo). A xornada desenvolveuse o pasado fin de semana e forma parte das accións organizadas pola entidade financeira co obxectivo de mellorar o patrimonio natural galego.
Un grupo de 45 voluntarios, formado por empregados de ABANCA, Afundación e os seus fillos, trasladouse ao Centro de Conservación e Estudo da Natureza Casa das Insuas, en Rábade (Lugo), para colaborar na construción de refuxios de fauna.
Nesta expedición, os voluntarios da entidade financeira estiveron novamente acompañados polos expertos do Grupo Naturalista Hábitat, que asesoraron a nenos e maiores sobre a fabricación destes refuxios. A actividade tamén contou coa colaboración da Asociación Galega de Custodia do Territorio, encargada de impulsar e xestionar a Casa das Insuas.
Os voluntarios continuarán coas actividades de conservación da contorna natural ao longo do mes con actividades de retirada de especies invasoras e residuos nas instalacións da Asociación Castaño e Nogueira en Becerreá (Lugo), no Parque Botánico de Montealegre (Ourense) ou en Miño (A Coruña).
A reforestación, protagonista en novembro
En novembro está previsto que finalice a plantación de árbores da campaña ‘ Unha nova árbore’, que se puxo en marcha en decembro de 2017 co obxectivo de paliar os efectos da ola de incendios sufrida en outubro. Desde marzo, un total de 535 profesionais de ABANCA plantaron 4.175 árbores nalgunhas das zonas máis afectadas polo lume.