'Mirar de novo. A muller contra o tempo', a nova exposición de ABANCA e Afundación en Agalería
- Trátase dunha proposta de revisión do canon artístico tradicional a través das creacións de artistas femininas presentes nas coleccións de arte de ABANCA e Afundación, ás que se suman cesións de ámbito nacional e internacional
- Inaugúrase hoxe, 2 de decembro, en Agalería, a sala de exposicións virtual da Afundación, a Obra Social de ABANCA, con tecnoloxía desenvolvida en Galicia por ILUX Visual Technologies
- A mostra complétase cun exhaustivo catálogo que conta cun texto analítico da experta e crítica de arte Mónica Maneiro
ABANCA e Afundación presentan a partir de hoxe 2 de decembro e ata o vindeiro 28 de marzo de 2021, a mostra «Mirar de novo. A muller contra o tempo» na súa sala de exposicións virtual situada en Agalería.
Baixo o coidado comisariado de David Barro e Diego Cascón Castro, coa supervisión e elaboración do texto analítico do catálogo da experta e crítica de arte Mónica Maneiro, seleccionáronse un total de 32 pezas realizadas por 30 artistas, mulleres todas elas, de entre as obras pertencentes ás coleccións de arte ABANCA e Afundación, aos que se suman, en calidade de cesións, creacións procedentes de museos de prestixio internacional como o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza de Madrid, o Museo de Bellas Artes de Asturias, a Fundación RAC ou a Galería Belvedere de Viena, ademais de prestatarios particulares.
'Mirar de novo. A muller contra o tempo' constitúe unha proposta de reformulación da tradicional mirada ao canon da historia da arte, marcada por unha visión da cal as mulleres, na súa vertente activa como creadoras, quedaban excluídas. Nesta ocasión, e cumprindo cun dos eixes estratéxicos de Afundación a prol da difusión da cultura e do coñecemento, a Obra Social de ABANCA propón un novo enfoque que permita facernos conscientes da creación feminina, tan frecuentemente ignorada, no panorama artístico desde finais do século XIX ata finais do século XX. Ademais, esta mostra permite visualizar o grado de desprezo ao que estas creadoras foron sometidas, mesmo cando foron elas as que abriron novas e interesantes vías para explorar tendencias artísticas rompedoras.
Xa que logo, esta exposición concíbese tamén como un compromiso de ambas as entidades coa consecución dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) marcados pola ONU. Neste sentido, trátase de avanzar no ámbito da igualdade mediante o reforzo de iniciativas concordantes co ODS 05 a prol da eliminación de calquera condicionante de xénero. Maruja Mallo, Julia Minguillón, Menchu Lamas, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, Maria Blanchard, Pamen Pereira, Helena Almeida, Carmen Calvo, María Xosé Díaz, Georgia O’Keefe, Susana Solano, Soledad Sevilla, Tatiana Medal, Antía Moure, Mónica Alonso, Shirin Neshat, entre moitas outras, son algunhas das artistas cuxas obras están presentes nesta mostra.
'Mirar de novo. A muller contra o tempo' permite consolidar, así mesmo, a vocación cosmopolita desde o local, compartida por ABANCA e a súa Obra Social, Afundación. Así, pártese dunha esencia de creación artística feminina galega, para ampliar o contexto e comprobar como este movemento resoou en moi distintas latitudes. Desde a iconoclastia das sen sombreiro, onde se pode situar a Maruja Mallo, ata as renovacións europeas encabezadas por creadoras abstractas como Hilma af Klint, o século que abrangue 'Mirar de novo. A muller contra o tempo' caracterízase por constituír o prólogo a un novo paradigma autorial caracterizado pola vocación da inclusión en igualdade.
Agalería foi o espazo designado para acoller esta proposta expositiva. A esencia innovadora tanto da temática da mostra, como da vocación da sala de exposicións, contribuíron a que, nesta ocasión, e sen esquecer a extraordinaria conxuntura social na que vivimos, ABANCA e Afundación opten por presentar esta nova aposta cultural nunha contorna virtual.
Trátase dun espazo dixital que, inaugurado no mes de xuño con tecnoloxía dixital desenvolvida en Galicia por ILUX Visual Technologies, xa experimentou melloras que o converten nunha contorna excepcional. Agalería transcende o habitual concepto da visita museística virtual, para devir nunha experiencia pioneira e de excepcional calidade, equiparable ás mellores iniciativas deste ámbito a nivel internacional. Deseñado para identificarse cunha localización costeira, cuxas condicións meteorolóxicas e franxa horaria chega mesmo a recrear, a visita a Agalería contextualiza as obras de arte na contorna lítica da costa galega, vinculando a experiencia artística e o medio ambiente.
'Mirar de novo. A muller contra o tempo' complétase cun exhaustivo catálogo que conta cun texto analítico asinado por Mónica Maneiro e unha introdución dos comisarios, David Barro e Diego Cascón Castro. En presentación trilingüe, estará á disposición a modo de consulta breve en formato flippingpage na propia sala de exposicións e poderase adquirir, proximamente, a través da Tenda online da páxina web de Afundación.