O IV Foro ABANCA Responsable centrarase na economía circular
- O encontro que organiza a Obra Social ABANCA reunirá de novo este venres 25 de maio no Pazo de Iñás a un centenar de empresas galegas.
- O conselleiro delgado de ABANCA, Francisco Botas, abrirá a xornada de traballo na que se dará a coñecer o concepto de economía circular e analizaranse algúns casos de éxito en Galicia.
O Pazo de Iñás acollerá este venres 25 de maio a cuarta edición do Foro ABANCA Responsable, que se presenta baixo o título ‘Economía circular. Retos, iniciativas e inspiracións’. O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, abrirá ás 10.30 horas a xornada de traballo na que participarán un centenar de empresas galegas.
O encontro, organizado pola Obra Social ABANCA, ten como obxectivo dar a coñecer o concepto de economía circular e mostrar exemplos de iniciativas galegas de éxito neste ámbito. En concreto, compartirán a súa experiencia no marco deste foro Sogama, empresa pública autonómica ligada á política ambiental; Revertia, compañía viguesa centrada na reutilización e/ou reciclaxe dos residuos xerados nas organizacións, e Agroamb, empresa lucense dedicada á valorización dos residuos orgánicos do tecido industrial galego para o sector agrícola.
O programa previsto para a xornada inclúe tamén un breve relatorio sobre os desafíos ambientais aos que se enfrontan as organizacións na actualidade e o marco normativo europeo e nacional que regula este ámbito, así como unha dinámica de grupo para profundar na materia e favorecer o intercambio de coñecemento entre os asistentes.
As diferentes actividades que se desenvolverán ao longo do encontro teñen como fin último que os participantes poidan mellorar a xestión que realizan nas súas empresas, así como inspirarse para pór en marcha novas accións e liñas de negocio no ámbito da economía circular.
Esta será a cuarta sesión de traballo no marco do Foro ABANCA Responsable, creado pola Obra Social ABANCA en novembro de 2016 co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento da responsabilidade social empresarial (RSE) en Galicia a través do fomento e aplicación de modelos de xestión responsable nas empresas da comunidade.