O V Foro ABANCA Responsable reflexiona sobre o deporte como elemento chave para o progreso social
- A xornada contou coa presenza de tres recoñecidos especialistas no ámbito deportivo: Pepu Hernández, Francisco del Río e Iván Clavel.
- No encontro abordouse tamén a importancia da promoción do deporte para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) e as metas establecidas na Axenda 2030.
A sede de IESIDE na Coruña acolleu este venres 23 de novembro a quinta edición do Foro ABANCA Responsable, que nesta ocasión tivo como eixo central ‘O deporte como motor de cambio social, igualdade e valores’.
Máis de medio centenar de empresas, clubs deportivos e institucións participaron na xornada de traballo, que comezou con tres relatorios a cargo de tres recoñecidos expertos neste ámbito: o ex seleccionador nacional de baloncesto, Pepu Hernández, o avogado especialista en dereito deportivo e organizador do Foro Internacional de Deporte Ciudad de León, Francisco del Río, e o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel.
Entre outros temas, no encontro abordouse a importancia de apoiar o deporte basee e de establecer relacións entre organizacións para crear proxectos conxuntos capaces de impulsar o impacto positivo da práctica deportiva.
O ex adestrador Pepu Hernández destacou na súa intervención que “o deporte colectivo ten axudado moito a modernizar esta sociedade porque aprendemos a traballar xuntos” e subliñou “o valor que ten o deportista, que moitas veces pasa desapercibido, como transmisor dos valores asociados ao deporte, como o traballo e xogo en equipo, a constancia, o esforzo ou a xenerosidade, que nos axudan como persoas, como sociedade e como empresa”. Tamén presentou o proxecto de RSC que desenvolve coa xestora Imantia Capital para mellorar os coñecementos financeiros dos deportistas, de modo que poidan tomar mellores decisións para asegurar o seu futuro unha vez finalice a súa carreira deportiva.
Francisco del Río, organizador do Foro Internacional del Deporte Ciudad de León, reforzou esa idea da importancia da práctica deportiva para a sociedade e explicou que o evento que el promove en León articúlase sobre tres alicerces fundamentais: “espazo de análise sobre o deporte en xeral, a promoción do deporte e da actividade física entre a cidadanía e o deporte como ferramenta de formación e inclusión social”.
Por último, o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, centrouse no Plan de Patrocinios de Equipos de Alta Competición que desenvolve a entidade en colaboración con ABANCA co obxectivo de impulsar as canteiras dos equipos dun amplo abanico de disciplinas deportivas. Clavel subliñou que “o máis importante do deporte é que forma valores e contribúe a superar barreiras socioeconómicas desde idades moi temperás. Ademais, fomenta estilos de vida activos, que os nenos e nenas collan o hábito de practicar deporte”. Na súa opinión, “o apoio ao deporte é o mellor investimento socialmente responsable”.
Tras os relatorios, desenvolveuse unha dinámica de grupo na que os asistentes traballaron sobre a vinculación que existe entre o deporte e os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) aprobados pola ONU en 2015 e como desde as súas organizacións poden contribuír a alcanzalos. Todos os participantes coincidiron en destacar que a práctica deportiva pode desenvolver un papel fundamental na consecución dalgunhas das metas que establece a Axenda 2030 como o fin da pobreza, a saúde e o benestar, a educación de calidade, a igualdade de xénero ou as alianzas para lograr os obxectivos.
Foro ABANCA Responsable
O Foro ABANCA Responsable é un espazo creado por ABANCA no marco da súa estratexia de responsabilidade social corporativa co obxectivo de contribuír ao fomento e aplicación de modelos de xestión responsable nas empresas galegas.