O VI Foro ABANCA Responsable centrarase na transformación dixital socialmente responsable
- No encontro participarán organizacións coma a Fundación Seres, Mobile Week Coruña, Teimas Desenvolvemento ou TokApp
- O banco promoverá unha reflexión na contorna empresarial sobre os efectos que produce a dixitalización nas nosas vidas e como transformalos en impactos positivos
A sexta edición do Foro ABANCA Responsable, que terá lugar por primeira vez en Santiago de Compostela, terá como eixo central a ‘Transformación dixital socialmente responsable’. A Obra Social ABANCA seleccionou esta temática co obxectivo de promover no tecido empresarial galego unha reflexión sobre os efectos que produce a tecnoloxía e a dixitalización nas nosas vidas e as súas implicacións éticas, económicas, sociais e ambientais.
O encontro terá lugar o venres 24 de maio entre as 10.30 e as 13.30 horas no Centro ABANCA Obra Social da compostelá Praza de Cervantes.
Nesta nova edición do foro presentarase a experiencia de tres organizacións de diversos tamaños vinculadas a Galicia: Teimas Desenvolvemento, empresa tecnolóxica situada en Santiago de Compostela que desenvolve e comercializa solucións de software e hardware para o sector da recuperación e a reciclaxe; TokApp, organización que oferta aplicacións de mensaxeira e pagos con máis de 500.000 usuarios, e ABANCA Innova, a aposta de ABANCA por promover iniciativas innovadoras no ámbito tecnolóxico desde Galicia.
O programa da xornada inclúe tamén dous breves relatorios a cargo da Fundación Seres, entidade privada que ten como obxectivo promover que as empresas axuden a crear valor e se erixan como axentes clave para resolver problemas sociais, e Mobile Week Coruña, evento impulsado por Mobile World Capital Barcelona que converteu Galicia o pasado mes de novembro no epicentro do debate tecnolóxico con máis dun centenar de actividades gratuítas nas que participaron máis de 2.000 persoas.
Tamén haberá espazo para coñecer outros proxectos, coma a aplicación para controlar a cota das capturas da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga); o proxecto Neta V3A, co que Gradiant quere crear un robot asistencial 100% galego; a plataforma ‘Quiero un abuelo’, que pon en contacto a persoas maiores con familias con nenos, ou o proxecto de domótica que impulsa Cruz Roja Lugo para mellorar a asistencia no fogar a persoas que viven soas.
Esta será a sexta sesión de traballo no marco do Foro ABANCA Responsable, creado pola Obra Social ABANCA en novembro de 2016 co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento da responsabilidade social empresarial (RSE) en Galicia a través do fomento e aplicación de modelos de xestión responsable nas empresas da comunidade.
As prazas son limitadas e as persoas interesadas en asistir a esta nova edición do evento, de carácter gratuíto, poden anotarse a través deste enderezo electrónico foroabancaresponsable@abanca.com.