Os participantes no programa de educación financeira de ABANCA e Afundación crecen un 44% no curso 2022-2023
- As actividades organizadas chegaron a 201.169 persoas
- O banco e a súa Obra Social combinan actividades presenciais e dixitais para que as iniciativas cheguen a todo o territorio nacional
- O programa contou coa participación de 75 persoas voluntarias de ABANCA e Afundación
O programa de educación financeira de ABANCA e Afundación pechou o curso escolar 2022-2023 coa cifra récord de 201.169 beneficiarios. Este dato implica que as actividades organizadas contribuíron a mellorar a cultura financeira de case 61.700 persoas máis que o curso anterior, cando se rexistraron 139.475 participantes no programa.
Este incremento do 44% no número de persoas beneficiarias é o resultado do impulso continuo do banco e a súa Obra Social ao programa, que continúa incorporando ás actividades xa consolidadas novas propostas en formatos innovadores adaptados aos diferentes colectivos aos que se dirixen. Como é habitual, durante o curso 2022-2023 tiveron especial relevancia as actividades para escolares, mocidade e persoas maiores.
A combinación de programas en formato presencial con outras iniciativas híbridas ou 100% dixitais facilitou que nesta edición se rexistrasen participacións en todas as comunidades autónomas.
Para o éxito do programa foi tamén fundamental a colaboración de 75 persoas voluntarias de ABANCA e Afundación, que se encargaron de impartir os talleres formativos que inclúen as diferentes actividades.
Concienciación desde a infancia
Os programas educativos para os máis pequenos sumaron 166.036 participantes de toda España. Estes nenos e nenas puideron empezar a tomar conciencia da importancia de xestionar correctamente o diñeiro, aforrar e ser solidarios. Neste bloque encádranse iniciativas como Segura-Mente, recoñecida polo Banco de España e a CNMV co premio ‘Finanzas para todos’, ‘A tola aventura do aforro’, o Gran Prix Financeiro ou as representacións da obra de teatro ‘Ciclope’.
Ciberseguridade e emprendemento
As actividades dirixidas ao estudantado de secundaria e bacharelato estiveron centradas na ciberseguridade e o fomento do emprendemento. Máis de 19.000 alumnos e alumnas adquiriron coñecementos de seguridade dixital na primeira edición do programa ‘Pon o teu diñeiro a salvo’ e 10.634 participaron na última convocatoria do programa de simulación empresarial ‘Young Business Talents’.
Formación de maiores en Galicia e León
O plan de formación e capacitación de persoas maiores en zonas rurais é a iniciativa máis destacada para promover a inclusión financeira deste colectivo. Coincidindo co curso escolar realizáronse 44 sesións formativas en Galicia, con preto de 500 participantes, e dúas na provincia de León, zona á que se acaba de ampliar recentemente o programa, ás que asistiron 50 persoas.