Os voluntarios de ABANCA logran retirar 190 quilos dunha especie invasora nas Fragas do Eume
- Puideron colaborar na conservación deste espazo natural, logrando retirar máis de 190 quilos de ‘Tradescantia fluminensis’, unha planta incluída no catálogo español de especies exóticas invasoras
- A actividade contou coa habitual colaboración do Grupo Naturalista Hábitat, o Concello de Pontedeume e o Parque Natural Fragas do Eume
O equipo de voluntariado da Obra Social de ABANCA volveu reunirse este sábado para desenvolver unha nova acción de coidado do patrimonio natural. Nesta ocasión os voluntarios desprazáronse ata as Fragas do Eume (Pontedeume), declarado Parque Natural en 1997 e considerado o bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa, ademais de ser un dos escasísimos bosques do seu tipo no continente.
Durante a xornada, os 22 voluntarios puideron colaborar na conservación deste espazo natural, logrando retirar máis de 190 quilos de ‘Tradescantia fluminensis’, unha planta incluída no catálogo español de especies exóticas invasoras e que constitúe unha ameaza grave para as especies autóctonas da zona. Tras os traballos de limpeza, os voluntarios tamén participaron nunha ruta interpretativa e de recoñecemento da riqueza natural da zona.
Esta actividade enmárcase dentro do proxecto ‘Traballando pola mellora do patrimonio natural’ do banco e a súa obra social, que conta coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat e que inclúe distintas actividades para a posta en valor e conservación do medio natural.
A actividade deste sábado contou ademais coa colaboración do Concello de Pontedeume e do Parque Natural Fragas do Eume.
Nas próximas semanas os voluntarios seguirán traballando en puntos de especial interese ambiental como as Illas de Cíes e Ons ou a contorna da Torre de Hércules, entre outros.