RESULTADOS 4T 2024: ABANCA gaña 1.203 millóns de euros, cunha rendibilidade recorrente do 16,5%
- A entidade pecha a súa primeira década transformada nunha das entidades máis fortes e competitivas do sistema bancario ibérico
- O crecemento eficiente do negocio e a boa xestión do balance alimentan unha robusta rendibilidade recorrente
- Coa adquisición de EuroBic, ABANCA eleva o seu volume de negocio por encima dos 128.000 millóns e reforza o seu perfil ibérico
- Intensa actividade crediticia, a formalización de novo crédito aumentou un 23,8%
- Exitosa estratexia de crecemento orgánico: captación de 135.000 novos clientes, con especial énfase fóra da zona de orixe
- A elevada rendibilidade e a prudente política de reservas permiten situar o cociente de capital en liña co nivel de referencia 13% CET1
- A taxa de mora sitúase no 2,6%, mentres que o cociente Texas faino no 26,7% e a cobertura de activos dubidosos no 77,9%
Descarga los contenidos anexos
ABANCA obtivo en 2024 un beneficio atribuído de 1.203,1 millóns de euros, cunha rendibilidade ROTE recorrente do 16,5%. Esta elevada rendibilidade é froito do crecemento eficiente do negocio, que elevou a marxe básica nun 28,9%, e da boa xestión do balance.
Décimo aniversario
ABANCA cumpriu en 2024 os seus primeiros dez anos de traxectoria no mercado posicionada como unha das entidades máis sólidas da península ibérica, grazas á máxima calidade dos seus activos (cociente de morosidade do 2,6%, cobertura do 77,9% e cociente Texas do 26,7%), aos seus robustos niveis de capitalización (CET1 do 12,8% e 1.770 millóns de euros de exceso sobre requisitos), á súa folgada liquidez (cociente LTD minorista do 78,6% e 23.412 millóns de euros en activos líquidos) e aos seus elevados niveis de rendibilidade (16,5% de rendibilidade recorrente en 2024 sen o efecto da integración de EuroBic).
Tras a realización de 10 operacións corporativas integradas exitosamente, ABANCA supera os 128.000 millóns de euros de volume de negocio e afiánzase como competidor relevante no conxunto da península ibérica. A entidade conta cunha crecente presenza no mercado fóra da súa zona de orixe, e especialmente, despois da compra de EuroBic, en Portugal, onde xestiona un negocio de 20.000 millóns de euros.
O proceso de integración de EuroBic, que segue mostrando a súa solidez financeira, avanza segundo o calendario previsto. En 2024 puxéronse en marcha diferentes melloras no modelo de xestión e corporativo da entidade, e en 2025 completarase a súa integración informática no Grupo. A entidade portuguesa obtivo un desempeño moi positivo no ano, cun ROTE do 11,1% e un cociente de capital CET1 do 18%.
ABANCA consolida en 2024 un desempeño diferencial respecto ao sector. É a entidade con maior crecemento da marxe básica, o mellor reflexo dos ingresos recorrentes, o que lle permite obter unha rendibilidade no top do sector. Esta robusta rendibilidade, combinada cunha prudente política de reservas, permite que sexa a entidade con maior crecemento dos fondos propios no ano.
Crecemento eficiente do negocio
Coa incorporación de EuroBic ao grupo, o volume de negocio xestionado por ABANCA alcanza os 128.443 millóns de euros, tras crecer un 13,6% no pasado exercicio.
A concesión de financiamento segue sendo prioritaria na actividade do banco: as novas formalizacións de crédito incrementáronse tanto en España (un 6,6%), como en Portugal (multiplicándose por 2,5). En ambos os países ABANCA aumentou a súa cota de mercado de crédito: 14 p.b. en España e 237 p.b. en Portugal.
A carteira de crédito situouse en 49.354 millóns de euros. O crédito en situación normal incrementouse nun 8,3%, ata os 48.920 millóns de euros. As empresas, co 46% do total, e os particulares, co 40%, son os seus principais destinatarios.
En paralelo, a entidade rexistrou un intenso incremento na captación de recursos de clientes, un 17% respecto a 2023, quedando situados en 79.089 millóns de euros. Os depósitos minoristas aumentaron un 17,2% e situáronse nunha cifra total de 62.773 millóns de euros. O 93% do total de depósitos da entidade corresponde a familias e empresas. Outra característica destacada é a súa alta granularidade: o 69% dos depósitos ten un saldo inferior aos 100.000 euros.
A captación de recursos fóra de balance e a actividade de comercialización de seguros seguen crecendo con intensidade. O fóra de balance creceu un 16,4% respecto a decembro de 2023, ata os 16.316 millóns de euros. As primas de seguros xerais e vida risco aumentaron un 15,6% no ano, ata os 567 millóns de euros. As primas de seguros de decesos creceron un 103%, as de saúde un 43%, as de fogar un 17% e as de empresas un 16%.
En 2024 ABANCA continuou reforzando a súa base comercial de maneira orgánica, coa captación de 135.000 novos clientes distribuídos entre España e Portugal. O índice de prescrición neta dos novos clientes, que expresa a valoración que estes fan da entidade, está situado en 65 puntos.
Este dinamismo foi especialmente elevado en xeografías de expansión, onde se produciron o 66% das altas, destacando Portugal, onde o crecemento de altas de clientes foi do 83% (22.179 altas).
Innovación tecnolóxica para o cliente
A tecnoloxía sitúase como ferramenta clave para adaptar a proposta comercial do banco ás necesidades dos clientes e aproveitar as oportunidades que abren as novas canles. O 75% dos clientes de ABANCA utiliza as canles dixitais como principal punto de contacto coa entidade, mentres que o 44% ten a través deles o seu primeiro contacto co banco.
Tras destinar máis de 1.000 millóns de euros a investimento en infraestrutura tecnolóxica no últimos dez anos, ABANCA segue incorporando novas solucións tanto na súa operativa con clientes como no seu funcionamento como organización. O banco segue fortalecendo as súas canles remotas ampliando as súas capacidades e reforzando a súa seguridade. No caso da IA xenerativa, ABANCA é o primeiro banco español en integrala na resposta a consultas de clientes. Doutra banda, o 60% do persoal do banco utiliza xa esta tecnoloxía no seu posto de traballo.
B100, a marca de banca dixital coa que o grupo ABANCA foi pioneira na creación do concepto healthy banking, alcanzou a peche de 2024, ano de inicio da súa actividade, máis de 230 millóns de euros de negocio.
Resultados de alta calidade
O resultado obtido por ABANCA en 2024 ten como fundamento a boa evolución do negocio con clientes. A marxe de intereses creceu un 32,9% interanual, mentres que os ingresos por prestación de servizos fixérono nun 12,3%. Con iso, a marxe básica aumentou un 28,9%.
A estratexia de diversificación de ABANCA traduciuse nun notable incremento dos ingresos por prestación de servizos de valor engadido, que supoñen xa o 44% do total, tras incrementarse nun 16,8% con respecto ao mesmo período do ano pasado.
O incremento dos ingresos recorrentes e diversificados, núcleo do modelo do banco, permitiu novos avances en materia de eficiencia, que tras mellorar 2,1 p.p. quedou situada no 47,8%, claramente por baixo do 50%.
A variación de gastos está condicionada pola incorporación das integracións ao perímetro de consolidación e polo esforzo realizado para incrementar as capacidades de atención e servizo ao cliente, reforzar a protección fronte a ciberriscos (onde o banco investiu 135 millóns de euros nos últimos dous anos), potenciar o negocio e mellorar a retribución do persoal.
A pesar dos seus sólidos niveis de morosidade e solvencia, ABANCA mantén unha estrita política de prudencia na xestión dos riscos. O custo do risco mantense controlado no 0,27%, cun cociente de morosidade do 2,6% e unha taxa de cobertura do 77,9%.
Fortaleza do perfil financeiro
ABANCA mantén a solidez do seu perfil financeiro, unha das súas señas de identidade máis contrastadas. A taxa de morosidade situouse ao peche do pasado exercicio no 2,6%, un nivel estable e inferior á media do sistema. Pola súa banda, a taxa de cobertura destes activos quedou situada no 77,9%, o que supón 773 p.b. por encima do sistema.
A entidade segue mellorando o seu nivel de solvencia grazas á combinación de elevada rendibilidade recorrente e prudencia na xestión do capital. A pesar das adquisicións realizadas, a entidade presenta un cociente de capital de máxima calidade CET1 do 12,8%, na contorna do seu nivel de referencia, situado no 13%. O cociente de capital total alcanza o 17,1%, cun colchón sobre requirimentos regulatorios de 458 p.b. equivalente a 1.770 millóns de euros. A entidade cumpre o requirimento MREL fixado para 2024 cunha folgura de 77 puntos básicos.
En materia de liquidez, ABANCA dispón de 23.412 millóns de euros en activos líquidos, cifra equivalente a 4,5 veces os seus vencementos previstos de emisións. Adicionalmente, dispón dunha capacidade de emisión de cédulas de 5.984 millóns de euros, o que sitúa a súa posición total en 29.396 millóns de euros. A súa estrutura de financiamento é fundamentalmente minorista, cun cociente LTD minorista do 78,6%. A entidade presenta cocientes de liquidez do 147% en financiamento neto estable (NSFR) e do 239% en cobertura de liquidez (LCR).
Todo iso, máis outros factores, reforza a imaxe do banco fronte a investidores e axencias de cualificación. A entidade realizou a súa última emisión en novembro de 2024, novamente de maneira exitosa: participaron máis de 120 investidores internacionais e a demanda multiplicou por catro o importe emitido. Pola súa banda, as axencias de rating divulgaron en 2024 novas accións positivas en relación con ABANCA, reiterando a súa confianza na entidade. Destacou a subida dun chanzo por parte de Moody’s e a mellora da perspectiva a positivo nas outras tres axencias.
Banca responsable e sostible
O banco segue avanzando na súa estratexia social e de sostibilidade con novas iniciativas, entre as que destacan as dirixidas ao apoio financeiro á transición enerxética, a redución de emisións, a descarbonización da carteira de crédito, a conservación e mellora ambiental, a educación financeira ou o apoio aos colectivos afectados pola DANA.
ABANCA finalizou ao peche do pasado exercicio o desenvolvemento do seu Plan de Banca Responsable e Sostible 2021-2024, enfocado en apoiar aos seus clientes na súa transición cara a un modelo produtivo máis sostible.
En novembro, a axencia de cualificación Sustainalytics, do grupo Morningstar, situou a ABANCA como a mellor entidade financeira española na súa clasificación de sostibilidade. A súa cualificación, de 6,8 puntos, situouna na categoría de ‘Risco inapreciable’ (‘Negligible risk’), a mellor das posibles na escala da axencia.
O banco xerou en 2024 un total de 3.000 millóns de euros de volume de negocio destinado a apoiar a transición enerxética. Más do 50% do stock de crédito concedido por ABANCA destínase aos sectores menos suxeitos a necesidade de transición, isto é, con máis carácter sostible.
En materia de emisións, o banco chegou en 2024 ás 7.076 tn de CO2eq evitadas grazas ao uso de enerxía eléctrica 100% renovable con garantía de orixe no seu funcionamento como empresa. A través do financiamento de proxectos de enerxía renovable conseguíronse evitar un total 225.049 tn CO2eq.
No marco da súa senda de descarbonización, sete sectores identificados, o que supón o 80% do total, atópanse xa por baixo dos escenarios Net Zero Emissions marcados como obxectivo para 2030.
No plano social, o Programa de Educación Financeira de ABANCA e Afundación contou no pasado curso con 202.492 participantes, mentres que o Plan de Formación e Capacitación Dixital de Maiores celebrou preto de 80 novas accións.
Doutra banda, realizáronse 598 accións de voluntariado, que supuxeron 23.021 horas dedicadas e 2.970 participacións.
No capítulo de axuda aos damnificados pola DANA, ademais doutras medidas de apoio, ABANCA realizou a doazón de 1 millón de euros, habilitou unha conta solidaria e, en colaboración con Afundación, realizou o envío de 57 tn de alimentos e a entrega de 2.600 xoguetes para os nenos valencianos.
Para poder materializar estas accións o banco desenvolveu un amplo esforzo organizativo e de apoio que se concretou no equivalente operativo a 73 empregos a tempo completo (EFTs), 17.500 horas de traballo en proxectos tecnolóxicos, a formación de máis de 3.000 empregados, ademais do acompañamento de 496 axentes formados para o asesoramento a 15.000 pemes en materia ESG dentro do Programa de asesoramento á transición.