Xabier Quiroga, Sara Mesa e Pierre Lemaitre, gañadores dos XXII Premios San Clemente Rosalía ABANCA
- O certame contou por primeira vez cun xurado internacional grazas ao convenio de colaboración firmado con ABANCA
- Miguel Ángel Escotet: “Máis aló do valor que poidan ter os libros, está o valor da lectura que é unha das accións que máis desenvolve os procesos cognitivos da aprendizaxe, moito máis que outros medios”
'Izan o da saca', de Xavier Quiroga en lingua galega; 'Cicatriz,' de Sara Mesa en lingua castelá; e 'Irène', de Pierre Lemaitre en lingua estranxeira son as novelas gañadoras dos XXII Premios San Clemente Rosalía ABANCA.
Os galardoados foron anunciados esta mañá polos máis de 30 membros do xurado, o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, e o director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA, Miguel Ángel Escotet.
O certame contou por primeira vez coa participación de colexios internacionais grazas ao apoio de ABANCA. O xurado estivo composto por alumnos do IES Rosalía de Castro de Santiago, doutros catro institutos galegos (un por provincia) e doutros seis centros de Inglaterra, Francia, Alemaña, Portugal, Estados Unidos e Rusia. Durante a súa intervención, Miguel Ángel Escotet quixo destacar o aspecto innovador destes premios “que reúnen nunha mesma actividade a profesores e alumnos, centrándose no suxeito que aprende e non no que ensina. Neste caso, aprenden tanto o alumno como o profesor, o que crea un tipo de ensino innovador que non está en todas as escolas”.
O director xeral de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA tamén fixo fincapé no valor da lectura. “Máis aló do valor que poidan ter os libros, está o valor da lectura, que é unha das accións que máis desenvolve os procesos cognitivos da aprendizaxe, moito máis que outros medios”, sinalou.
O apoio de ABANCA a estes premios comezou o ano pasado e ten unha vixencia de cinco anos nos que a entidade financeira quere garantir o futuro deste certame para as próximas edicións e contribuír á súa internacionalización. A aposta de ABANCA pola educación e a mocidade forma parte das liñas estratéxicas da súa política de responsabilidade social corporativa.
As outras novelas finalistas foron ‘Amor en alpargatas’ de Manuel Portas e ‘As últimas galerías’ de Xosé María Álvarez Cáccamo en lingua galega; ‘A oculta’ de Héctor Abad e ‘Patria ou morte’ de Alberto Barreira en lingua castelá; e ‘Judas’ de Amos Oz e ‘A lei do menor’ de Ian McEwan en lingua estranxeira.
Xurado internacional
Por primeira vez o xurado contou con membros de colexios internacionais. O xurado estivo formado por alumnos dos seguintes centros: IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra; IES de Ames (A Coruña); IES A Pinguela Monforte de Lemos (Lugo); IES O Couto de Ourense; IES Rosalía de Castro de Santiago; Hockerill College de Londres (Inglaterra); Saint François Xavier de Vannes (Francia); Grimmelshausen GYMNASIUM de Frankfur (Alemaña); Escola Secundaria de Santa Comba Dao (Portugal); Napperville Central de Chicago (EEUU) e Colexio Rosalía de Castro de Moscova (Rusia).