Xosé Monteagudo e Fernando Aramburu reciben os XXIII Premios San Clemente Rosalía-ABANCA
Os escritores Xosé Monteagudo e Fernando Aramburu recolleron esta tarde no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela os galardóns do XXIII Premio San Clemente Rosalía-ABANCA. Os autores foron recoñecidos polas súas obras ‘Todo canto fomos’ e ‘Patria’, gañadoras nas categorías de lingua galega e lingua castelá, respectivamente. O autor alemán Ralf Rothman, premiado na categoría de lingua estranxeira pola súa novela ‘Morir en primavera’, non puido acudir á cerimonia por cuestións de saúde pero viaxará a Santiago para recibir o seu galardón máis adiante.
Os dous autores presentes estiveron acompañados no acto de entrega polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o director de RSC e Comunicación de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, o equipo docente do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, promotor do certame, e tamén por un bo número de estudantes que formaron parte do xurado, alumnos e alumnas do IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes de Lugo, IES Agra do Orzán da Coruña, IES Valle-Inclán de Pontevedra, IES San Mamede de Maceda, e os centros composteláns IES Xelmírez I e IES Rosalía de Castro. Por segundo ano consecutivo tamén participaron na selección da obra premiada na categoría de lingua castelá estudantes que cursan esta materia en centros educativos de Inglaterra, Francia, Alemaña, Portugal e Rusia.
ABANCA foi clave para impulsar a internacionalización deste certame grazas ao convenio de colaboración que mantén co IES Rosalía de Castro desde 2016. O director de RSC e Comunicación da entidade, Miguel Ángel Escotet, agradeceu na rolda de prensa previa ao acto de entrega de galardóns que o centro compostelán “abrise as portas a ABANCA e deunos a oportunidade de contribuír a que este premio creza e consolídese definitivamente porque é un proxecto que encaixa á perfección dentro da Obra Social ABANCA, na que a mocidade e a educación conforman dous eixos estratéxicos”.
Tamén destacou na súa intervención o acerto do centro ao outorgar todo o protagonismo do certame aos estudantes de Bacharelato, desde o momento da selección das obras ata as actividades organizadas ao redor do acto de entrega, que inclúen un debate dos mozos con cada un do tres autores premiados. Esta mañá os mozos puideron compartir impresións con Xosé Monteagudo e mañá venres terán ocasión de facelo con Fernando Aramburu.
Insignias de ouro
A cerimonia de entrega dos premios concluíu coa imposición das insignias de ouro da Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro a Montserrat Domínguez, directora do Huffington Post, e Beatriz de Moura, creadora da Editorial Tusquets, polo seu apoio ao certame ao longo das 23 edicións.