A actividade comercial resiste á quinta onda e crece un 11% fronte a 2020 e un 7% fronte a 2019, segundo o Observatorio ABANCA by IESIDE
- Alimentación, fogar e multimedia continúan crecendo; ocio e moda e complementos están por baixo dos seus niveis anteriores á crise
- O peso do gasto dos turistas estranxeiros pasa do 18% de 2019 ao 12% en 2021, mentres que o desembolso dos galegos en viaxes é un 69% inferior
Descarga los contenidos anexos
O Observatorio ABANCA by IESIDE publica hoxe a décimo terceira entrega do seu informe sobre a evolución da actividade comercial en Galicia. O período analizado abarca o mes de xuño e as tres primeiras semanas de xullo, co que se recollen os efectos iniciais da quinta onda da pandemia. Como novidade, o documento inclúe un bloque dedicado ao turismo que cuantifica o descenso da actividade do sector.
De acordo cos datos de uso de tarxetas de crédito ou débito dos clientes galegos de ABANCA, a actividade comercial resiste no seu conxunto a esta quinta onda e mantense en niveis superiores aos das mesmas datas de 2020: 10% para a primeira e segunda semana de xullo e 11% para a terceira. Respecto ao mesmo período do ano 2019, a subida é do 7%.
Esta tendencia xeral recolle amplas diferenzas entre sectores: alimentación, fogar e multimedia continúan crecendo; ocio e moda e complementos están por baixo dos seus niveis anteriores á crise.
Evolución por sectores
En comparación con 2019, referencia que permite eliminar o efecto distorsionador do pasado ano, o gasto en comercio minorista situouse en niveis un 7% inferiores aos de 2019 (aínda que un 3% superiores a 2020).
Alimentación segue sendo a actividade que mostra mellores rexistros: na primeira quincena de xullo de 2021 o gasto nestes establecementos é un 32% superior ao de 2019.
Tamén en terreo positivo, multimedia e fogar e bricolaxe creceron até situarse, respectivamente, un 4% e un 12% por encima de 2019.
Pola contra, moda e complementos, despois da melloría do mes de xuño, cando o adianto das rebaixas provocou que o gasto se situase só un 9% por baixo de xuño de 2019, mostra un descenso do 21% en vendas na primeira quincena de xullo.
A actividade en transporte, incluíndo gasolineiras, continuou crecendo tras o fin do estado de alarma e mantense en niveis previos á crise (aínda que nas súas cifras inclúese o efecto da subida dos prezos do carburante).
Ocio
Aínda que se situou na terceira semana de xullo un 36% por encima do pasado ano, respecto de 2019 o gasto en ocio creceu só un 2%, como consecuencia do menor desprazamento dos galegos fóra de Galicia.
O gasto en restaurantes incrementouse até situarse na primeira quincena de xullo un 35% por encima de 2019. No entanto, a facturación aínda acusa o efecto dun menor turismo non autonómico.
En hoteis, a facturación en TPV´s segue claramente por baixo do 2019, aínda que mostra unha melloría respecto dos meses anteriores e pasa de caída do 51% en abril a descensos do 25% en xuño e do 10% na primeira quincena de xullo. Os locais de espectáculos, outras das actividades máis danadas pola pandemia, continúan un 36% por baixo de 2019, aínda que esta diferenza é a menor dos últimos meses.
Turismo
A actividade das axencias de viaxe segue sendo a máis prexudicada pola crise. O gasto dos galegos en viaxes triplícase en comparación con 2020 pero segue un 69% por baixo de 2019. Isto provoca que o peso das viaxes no gasto total en lecer dos galegos pasase do 19% en 2019 a un 2% en 2020 e un 5% en 2021.
O gasto de turistas estranxeiros recupérase respecto de 2020, aínda que segue lonxe de 2019. Actualmente supón o 12% do total dos rexistros nos TPVs de hoteis e restaurantes galegos, fronte ao 18% de 2019 (aínda que 9% en 2020).
Medios de pago
Na estrutura de uso de medios de pago, continúa o retroceso do efectivo en beneficio da tarxeta de crédito ou débito, a compra on-line e o X-pay. Os pagos con traxeta seguen sendo a opción que prevalece, acaparando o 45% das operacións.
O efectivo segue á baixa: supón o 36% dos pagos fronte ao 45% de 2019. As compras online creceron 5 puntos porcentuais respecto ao mesmo período de 2019 até situarse no 16% do total. As criptomonedas (Xpay) supoñen xa o 4%.
Datos por provincia
A actividade comercial experimentou unha evolución homoxénea nas catro provincias galegas e situouse por encima dos niveis pre-covid (xaneiro-febreiro de 2020) e tamén respecto da actividade de xuño-xullo de 2019. A Coruña e Pontevedra, cun maior peso da actividade turística, presentaron ritmos de actividade máis baixos, con incrementos do 5 e o 7%, en comparación co maior dinamismo de Lugo (+12%) e Ourense (+11%).