A banca móbil de ABANCA actualízase para iOS e incorpora as novidades do iPhone X
- A nova versión da aplicación para os terminais de Apple xa é compatible coa novidosa identificación facial Face ID e co novo formato de pantalla
- A app tamén indexa as operacións favoritas e permite a súa procura dunha maneira sinxela grazas a Spotlight
- Unha vez desbloqueado o terminal, agora Siri tamén é capaz de darnos o saldo das nosas contas sen acceder á banca móbil
A banca móbil de ABANCA para os smartphones Apple acaba de recibir unha actualización que integra as novidades presentadas recentemente pola compañía de Cupertino, tanto en materia de terminais como de sistema operativo. Esta nova versión da app, unha vez máis realizada de maneira íntegra desde Galicia, convirte a ABANCA nunha das primeiras entidades financeiras en España cunha aplicación que aproveita todo o potencial do terminal iPhone X e do sistema iOS 11.
Algunhas das principais melloras nesta versión da banca móbil son exclusivas para os propietarios dun iPhone X, lanzado ao mercado hai algo menos de dúas semanas. Desde este momento, os usuarios deste terminal poderán acceder á banca móbil de ABANCA dunha maneira máis cómoda grazas a Face ID, o novo avance en seguridade biométrica presentado por Apple e que substitúe á pegada dactilar. A identificación facial permite un acceso máis áxil, pero tamén máis seguro e fiable respecto a sistemas anteriores. A app tamén redeseñouse para o iPhone X e ofrece total integración coa pantalla deste smartphone, maior que outros modelos e cunha identificable franxa na parte superior.
Ademais destas melloras, as novidades tamén chegan a calquera usuario da app en terminais iPhone. A partires desta versión, o asistente Siri poderá informar do saldo das contas do cliente en ABANCA utilizando exclusivamente a voz. Antes de amosar esa información, o usuario deberá validar a petición coa pegada ou coa identificación facial. Esta funcionalidade súmase ao envío de diñeiro desde o móbil ao caixeiro a través da voz, que a entidade financeira xa implantou de maneira pioneira no sector en xuño.
A nova versión da banca móbil para dispositivos Apple conta cun novo sistema de indexado da información que permite un uso máis áxil. A aplicación de banca móbil de ABANCA indexa agora aquelas operacións que temos gardadas en favoritos ou que utilizamos de maneira recorrente e permite acceder dun xeito máis directo, tras unha procura a través de Spotlight.
Os usuarios que actualicen a app de ABANCA tamén accederán a un novo sistema de preguntas frecuentes que conta cun procesamento máis natural da linguaxe, desenvolvido da man de Inbenta. Esta nova versión tamén permite contratar un maior número de produtos, como tarxetas, dunha maneira sinxela e intuitiva.
A nova versión da app para iOS xa se pode descargar desde a Apple Store e busca consolidarse como unha das aplicacións mellor valoradas do sector en España. Na actualidade, a banca móbil de ABANCA para iPhone conta con más de 13.000 valoracións, cunha nota media de 4,5 estrelas sobre cinco posibles.