ABANCA e a CEG mobilizan 725 millóns para impulsar a transición enerxética e tecnolóxica das empresas
- O acordo permite apoiar ás empresas en desafíos como a adopción da IA, a automatización de procesos, o despregamento de enerxías renovables ou a adaptación a cambios normativos
- Máis de 100.000 empresas de Galicia confían na entidade financeira para as súas operacións diarias ou os seus investimentos estratéxicos
O director xeral Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, durante a sinatura.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reafirman a súa colaboración e avanzan no seu compromiso co futuro económico da comunidade. As dúas entidades impulsan un novo acordo que ten como obxectivo abordar os principais retos das empresas, pemes e autónomos de Galicia en materia enerxética e tecnolóxica, e faino desde este momento a través dunha liña especial de financiamento de ata 725 millóns de euros.
O novo acordo foi asinado esta mañá polo director xeral Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, nun acto celebrado na sede da CEG en Santiago. Tras a reunión, ambos os representantes conversaron sobre as perspectivas das empresas, fortemente influenciadas pola situación xeopolítica.
O novo acordo asinado polas dúas entidades avanza en ofrecer solucións directas a situacións compartidas de maneira transversal polo tecido produtivo autonómico. O obxectivo é apoiar, mediante un financiamento flexible e especializado, procesos como a modernización, a transformación e a mellora da competitividade das empresas fundadas en Galicia.
O primeiro dos puntos que contempla esta inxección de crédito busca impulsar a transición enerxética, que permita ás empresas adoptar fontes de enerxía máis respectuosas co medio ambiente, máis accesibles en términos de custos e menos dependentes das flutuacións do mercado de materias primas. Ademais, o obxectivo tamén é dotar ás empresas de sistemas de almacenamento de enerxía para emerxencias, que lles permitan operar de forma autónoma en caso de interrupcións do servizo ou cando a xeración de enerxía solar ou eólica non estea dispoñible.
Outro dos grandes capítulos que pretende dinamizar este acordo é a adopción da intelixencia artificial e o desenvolvemento da automatización de procesos no ámbito empresarial, como poderosas ferramentas para mellorar a produtividade. A implantación destas tecnoloxías está a impulsar unha rápida transformación en múltiples sectores e o tecido produtivo galego non é unha excepción. Este acordo permitirá ás empresas realizar os investimentos necesarios para avanzar neste eido.
Grazas ao novo acordo, as empresas, pemes e autónomos de Galicia poderán adaptarse á normativas relevantes que xa están en vigor ou son inminentes. Entre elas inclúese Verifactu, que finalmente se implementará nas empresas entre xaneiro e xullo de 2027, tras a prórroga aprobada o ano pasado, ou a normativa vixente en ciberseguridade NIS2.
“Desde ABANCA queremos liderar a transformación real das nosas empresas. E facémolo cun coñecemento profundo do noso territorio e do seu tecido produtivo, xa que máis de 100.000 empresas en Galicia depositan a súa confianza na nosa entidade. Os datos do primeiro trimestre confirman aínda máis que somos un socio estratéxico para as empresas e por iso medramos un 4,7% na concesión de financiamento a este segmento de clientes, fronte á tendencia de estancamento do sector. O crédito total ás empresas representa xa o 45% da nosa concesión total de financiamento, novamente con aumentos respecto ao ano anterior”, explica Gabriel González Eiroa, director xeral Comercial de ABANCA.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, destacou que “este acordo supón un paso adiante na xa sólida relación entre ABANCA e a Confederación de Empresarios de Galicia, consolidando unha alianza estratéxica clave para o desenvolvemento do sector empresarial galego. O aumento do financiamento ata os 725 millóns de euros reflicte non só a confianza mutua, senón tamén un firme compromiso de apoiar as nosas empresas nun momento de profunda transformación”.
Vieites subliña que “o acceso ao financiamento é máis esencial que nunca para garantir a competitividade empresarial, especialmente en áreas críticas como a transición enerxética, a dixitalización, a intelixencia artificial, a automatización de procesos e a ciberseguridade. Este acordo facilita ás empresas acometer estes investimentos en mellores condicións, adaptándose ás novas esixencias regulatorias e do mercado”.
Ademais, engade que “as novas liñas de actuación que se están a considerar, como o impulso da intelixencia artificial, as solucións de ciberseguridade e a adaptación a sistemas como Verifactu, xunto co apoio a través de instrumentos como as liñas de crédito ICO, permítennos dar unha resposta integral aos retos actuais aos que se enfrontan as empresas e as pemes. Non se trata só de financiamento, senón de apoiar a modernización e a mellora estrutural do noso tecido produtivo”.
Finalmente, destaca que “este acordo reforza unha relación histórica que continúa a evolucionar para achegar solucións concretas ás necesidades reais das empresas galegas. A colaboración entre ABANCA e a CEG é un exemplo de como a cooperación institucional e financeira pode xerar un impacto positivo, sostido e tanxible na economía e na sociedade galega”.
Un programa de eventos formativos e divulgativos
O acordo tamén permite avanzar nun amplo calendario de actividades de divulgación e formación desenvolvidas conxuntamente por ABANCA e a CEG. Ambas as entidades xa están a traballar nunha axenda anual de eventos, que inclúe conferencias e foros empresariais, seminarios especializados, coloquios, encontros internacionais e premios.
Ademais, o banco participará activamente nunha cimeira empresarial entre Galicia e Cataluña, que se celebrará a mediados de xuño en Barcelona e que está coorganizada pola CEG. O obxectivo deste econtro é fortalecer os lazos entre as dúas comunidades autónomas, que manteñen unha forte conexión en sectores como a automoción, o téxtil ou a alimentación, e que son dous dos principais motores das exportacións do país.