A dirección de ABANCA visita a comarca do Deza
- O equipo directivo da entidade, encabezado polo seu presidente e o seu conselleiro delegado, desenvolve unha ampla axenda de actividades en Silleda e Lalín
- Ademais de encontros de traballo, a xornada inclúe visitas a oficinas de ABANCA, á explotación gandeira SAT O Chope e ás instalacións da Fundación Semana Verde
ABANCA celebrou hoxe en Lalín e Silleda unha ampla xornada institucional que incluíu reunións de traballo, encontros co equipo do banco na comarca do Deza, e visitas a puntos clave do seu tecido económico. Nas actividades participaron o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o conselleiro delegado, Francisco Botas, os integrantes do comité de dirección do banco, e o conselleiro Pedro López.
Esta visita ten lugar en aplicación da política de proximidade aos seus clientes, compromiso coa súa contorna e coñecemento do mercado sobre o terreo segundo a cal ABANCA despraza periodicamente a súa actividade institucional a distintas localidades de Galicia e España.
Actividades en Silleda e Lalín
A xornada deu comezo cunha visita á Sociedade Agraria de Transformación O Chope, explotación gandeira situada en Silleda que constitúe unha referencia no sector pola súa resposta a retos como a modernización e robotización das instalacións, a substitución xeracional ou a xestión de residuos.
A continuación o equipo directivo de ABANCA visitou a oficina da entidade en Silleda e desprazouse á sede da Fundación Semana Verde de Galicia, onde celebrou a reunión do seu Comité de Dirección.
Tras a súa finalización, o equipo directivo da entidade trasladouse a Lalín, onde mantivo un encontro co seu alcalde, José Crespo.
A axenda do día inclúe tamén unha visita do Comité de Dirección de ABANCA á oficina de entidade en Lalín para celebrar unha reunión de traballo na que se repasarán, entre outros temas, os puntos máis importantes da actividade do banco na zona. Participarán nela a directora territorial de ABANCA en Pontevedra, Carmen Fernández Penas, o director de ABANCA Agro, Jesús Combarro, e directores e persoal do banco na comarca do Deza.
Compromiso coa comarca do Deza
ABANCA é a primeira entidade financeira na comarca do Deza por cota de mercado e implantación. A rede comercial do banco na comarca está formada por 22 oficinas situadas nos principais centros de poboación. Traballan nelas un total de 88 persoas que prestan servizo a case 70.000 clientes. Ao peche de 2019, ABANCA xestionaba na comarca un volume de negocio de 1.500 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,4% sobre o ano previo.
As principais prioridades coas que o banco opera na comarca son a concesión de crédito e o apoio ao sector primario a través da súa unidade especializada ABANCA Agro. ABANCA aumentou en 2019 o seu volume financiado na comarca nun 15%. As microempresas, autónomos e comercios, segmento fundamental do seu tecido económico, recibiron un total de 24 millóns de euros en novas operacións de financiamento. No segmento agro, outro dos piares da economía da zona, ABANCA é líder en operacións clave para o sector, como a domiciliación de axudas PAC, que lidera cunha cota de mercado do 55,85%.
O compromiso de ABANCA coa comarca do Deza ten como outro dos seus capítulos fundamentais o apoio á actividade da Feira Internacional de Galicia ABANCA e da Fundación Semana Verde de Galicia, de cuxo padroado ABANCA é membro. Desde 2019 o recinto feiral serve de localización ao Museo do Campo e a Mecanización, xestionado a través da Fundación do Campo Galego, da que ABANCA é patrón fundador.
Ademais, o banco apoia, como un dos seus patrocinadores principais, a celebración da Festa do Cocido de Lalín, evento de gran importancia para a comarca polo seu impacto económico.