A exposición ‘Bajo el signo de Picasso’ recibe 15.000 visitantes no seu primeiro mes en León
- A mostra propón un percorrido pola produción pictórica de artistas como Picasso, Dalí, Miró, Kandinsky ou Giorgio de Chirico.
- A exposición poderá visitarse ata o 13 de novembro no Museo de León.
A exposición ‘Bajo el signo de Picasso. Vanguardias e influencias en la Colección de Arte ABANCA’ acada a cifra de 14.754 visitantes cando se cumpre o primeiro mes dende a súa apertura ao público no Museo de León. Unha cálida acollida do público leonés que se suma ás boas valoracións da crítica, xusto no momento en que a mostra supera o seu ecuador.
O percorrido pictórico organizado por ABANCA en colaboración coa Junta de Castilla y León e o Ayuntamiento de León propón un repaso polos momentos máis relevantes da arte española e internacional da primeira metade do século XX. O Museo de León acolle unha selección de 38 obras dos fondos artísticos de ABANCA que inclúen debuxos, pinturas e esculturas de 26 artistas entre os que destacan nomes como Pablo Picasso, Juan Gris, Salvador Dalí, Joan Miró, Vasili Kandinsky, Giorgio de Chirico ou María Blanchard.
A Colección de Arte ABANCA é un conxunto artístico de grande interese formado por 1.350 obras de máis de 200 artistas de recoñecido prestixio a nivel galego, español e internacional que ten como eixo vertebrador é a arte moderna e contemporánea. A variedade e calidade dos seus fondos convértena nunha das coleccións privadas de referencia en España e é a primeira vez que se mostra ao público fóra de Galicia cun proxecto desta amplitude.
Novo horario de inverno
A exposición encara a súa segunda metade cun novo horario. Desde este momento é posible coñecer a mostra pola mañá de martes a sábado de 10 a 14 horas. Os visitantes tamén poden acudir á exposición en horario vespertino de 16 a 19 horas, mentres que os domingos e festivos mantense o horario de 10 a 14 horas.
“Bajo el signo de Picasso. Vanguardias e influencias en la Colección de Arte ABANCA” foi inaugurada o pasado 15 de setembro e estará no Museo de León ata o próximo 13 de novembro.