A exposición ‘Nuevas lecturas. Diálogos en el tiempo y en el lugar’ despídese de León con máis de 10.400 visitantes
- A última proposta expositiva de ABANCA achegou á sociedade leonesa obras de recoñecidos creadores como Julião Sarmento, Soledad Sevilla, Juan Muñoz, Paul Klee ou Joaquín Sorolla.
- O primeiro ciclo de exposicións organizado polo banco na cidade péchase con gran éxito de público tras atraer a máis de 43.000 visitantes.
A exposición Nuevas lecturas. Diálogos en el tiempo y en el lugar, organizada por ABANCA no Museo de León con fondos da súa Colección de Arte, clausurouse este domingo na capital leonesa tras recibir 10.456 visitantes desde a súa apertura ao público o 19 de setembro.
O terceiro proxecto expositivo do banco en León permitiu á entidade financeira achegar ao público unha nova selección de obras do seu valioso patrimonio artístico, a pinacoteca privada máis relevante de Galicia e unha das máis importantes de España. En concreto, para esta proposta escolléronse 36 creacións de 29 autores con amplo recoñecemento internacional, como Julião Sarmento, Soledad Sevilla, Juan Muñoz, Paul Klee ou Joaquín Sorolla.
O banco apostou nesta ocasión por unha formulación innovadora para a mostra, establecendo diferentes diálogos entre as obras en exposición sobre temáticas tan variadas como a arte e o xogo, a arte como espectáculo, memoria e soño, a mirada íntima, a luz e a paisaxe.
Éxito de público do primeiro ciclo expositivo
Nuevas lecturas. Diálogos en el tiempo y en el lugar pecha o primeiro ciclo de exposicións organizado por ABANCA na cidade no marco do acordo subscrito en 2016 coa Junta de Castilla y León e o Ayuntamiento, tras Bajo el signo de Picasso (2016) e La mirada contemporánea (2017), que mostraron á sociedade leonesa os dous grandes bloques nos que se organiza a Colección ABANCA: Picasso e as vangardas internacionais e a arte española e internacional da segunda metade do século XX.
As tres propostas expositivas atraeron ao Museo de León a máis de 43.000 persoas, que puideron contemplar algunhas das obras máis significativas que integran os fondos artísticos do banco, unha pinacoteca que supera as 1.300 creacións de artistas fundamentais na historia da arte como Pablo Picasso, Salvador Dalí, Vassily Kandinsky, Antoni Tàpies, Leopoldo Nóvoa, Eduardo Chillida, Miquel Barceló ou Francisco Leiro, entre outros.