A Obra Social ABANCA colabora coas representacións en Galicia da obra de teatro de inclusión financeira para maiores ‘Las cosas fáciles’
A Compañía de Teatro de Blanca Marsillach e o sector CECA, a través de FUNCAS Educa, puxeron en marcha o proxecto teatral “Las cosas fáciles” co obxectivo de fomentar a inclusión financeira e dixital das persoas maiores a través da cultura. A proposta escénica chega esta semana a Galicia en colaboración coa Obra Social ABANCA. En concreto, están previstas representacións na Coruña e Ferrol ás que asistirán persoas maiores procedentes de diferentes puntos da xeografía galega.
Esta obra de teatro pretende dar visibilidade á fenda dixital e financeira dos maiores no noso país e potenciar a súa formación, co fin de garantir a súa independencia e autonomía na xestión das finanzas persoais, así como tamén tomar conciencia sobre os riscos existentes en materia de ciberseguridade e saber afrontalos con confianza.
“Las cosas fáciles” é unha obra teatral escrita e dirixida por Alberto Velasco e protagonizada polas actrices Cristina Izquierdo e Sila Sicilia. A comedia creada expresamente para este proxecto pon no foco o problema das persoas maiores á hora de acceder ao novo mundo financeiro e dá ferramentas para un envellecemento activo en canto á súa independencia económica e dixital.
A obra continúa a súa xira nacional e chegará a máis de 440 persoas de Galicia, que se trasladarán para gozar da actividade desde as súas localidades de residencia ata Ferrol, o xoves 14 de decembro, e A Coruña, o venres 15 de decembro. Ambas as funcións serán nas sedes de Afundación ás 11.30 horas. Na cidade departamental acudirán as persoas interesadas da localidade e outras procedentes de Betanzos, Pontedeume, Lugo, Ourense e Monforte. Na Coruña reuniranse veciños e veciñas da cidade, xunto con maiores de Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Viveiro.
A través de ABANCA, Afundación e a Compañía de Blanca Marsillach poñerase en escena este proxecto que pretende servir de ponte entre a inclusión financeira das persoas maiores e a cultura. O texto viu a luz co obxectivo de mellorar a formación financeira deste colectivo, facilitándolle as ferramentas necesarias para gañar autonomía no manexo das súas finanzas persoais.
A estrea de “Las cosas fáciles” tivo lugar en Madrid o pasado 26 de outubro no Teatro Bellas Artes, e foi apadriñada polo actor Antonio Resines e o ex deportista Fernando Romay. No marco da capilaridade que caracteriza ás entidades asociadas a CECA, a obra está a percorrer gran parte do territorio español co obxectivo de achegar a iniciativa ao maior número de persoas, así como promover a inclusión financeira a nivel nacional. Ata o momento, a xira recalou en máis de dez cidades da Comunidade Valenciana, Aragón, Estremadura, País Vasco, Castela A Mancha, Madrid e Andalucía. Esta semana chega a Galicia, onde están previstas as últimas representacións de 2023.