A orquestra ABANCA ReSuena afánase nos ensaios para o concerto do Día da Música
- Os 211 novos estudantes que participan no proxecto interpretaron esta semana ante os seus familiares e amigos parte do repertorio que ofrecerán o día 17 de xuño.
- Na actuación estarán acompañados por primeira vez polos 34 nenos e nenas do coro ABANCA ReSuena, creado este curso no marco do programa.
Familiares e amigos dos mozos músicos que participan no proxecto ABANCA ReSuena, que promove ABANCA xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia, puideron gozar esta semana dalgúns dos ensaios que están a realizar os estudantes de cara á actuación que ofrecerán o próximo 17 de xuño no Palacio da Ópera, con motivo do Día da Música.
Os dous núcleos do proxecto, o CEIP Alborada de Elviña e o Centro Cívico de Monte Alto, acolleron algunhas das audicións de preparación para o gran evento musical de xuño no que por primeira vez a formación musical estará acompañada por 34 nenos e nenas que compoñen o coro ABANCA ReSuena, creado este curso no marco do proxecto.
No colexio Alborada concentráronse os ensaios de corda e vento, así como dúos e tríos, que concertaron xuntos de marabilla. Na outra punta da cidade, no Centro Cívico de Monte Alto, a protagonista foi a orquestra dos máis pequenos, MiniReSuena, que deixou ao público pampo coa súa gran evolución. Os estudantes de maior idade deleitaron aos asistentes ao ensaio cun repertorio de composicións en grao sumo variado, desde cancións populares americanas ata fragmentos do famoso ballet ‘O lago dos cisnes’, pasando polos ritmos máis desenfadados de ‘New York, New York’ e algunhas das bandas sonoras máis coñecidas da factoría Disney.
Todas aquelas persoas interesadas en comprobar os avances que realizaron ao longo do curso os mozos músicos e todos os melómanos que desexen gozar coa magnífica interpretación destes temas poderán facelo o día 17 de xuño no Palacio da Ópera. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforamento. Será a terceira vez que a orquestra ReSuena celebre cun concerto o Día da Música e farao por segunda vez no escenario principal, onde o ano pasado congregáronse para escoitalos 1.200 persoas. Nesta ocasión estarán acompañados polo coro ABANCA ReSuena e tamén, como é habitual, polos 14 nenos e nenas que conforman o coro de mans brancas do Colexio de Xordos Nosa Señora do Rosario.