A orquestra ABANCA ReSuena celebra o Nadal cun concerto no Palacio da Ópera
- Os novos intérpretes prepararon un repertorio festivo que inclúe pezas populares e do Nadal.
- A actuación porá o broche final a un ano moi especial para todos os alumnos do proxecto no que puideron coñecer ao mestre Gustavo Dudamel.
A orquestra ABANCA ReSuena subirá este domingo 17 de decembro, ás 18.30 horas, ao escenario principal do Palacio da Ópera da Coruña para ofrecer por segundo ano consecutivo un concerto de Nadal no que demostrarán ante o público os dotes interpretativos adquiridas durante as clases.
Os 186 nenos e nenas que forman parte do proxecto que desenvolve a Orquestra Sinfónica de Galicia co apoio de ABANCA e os seus profesores, todos eles músicos profesionais da OSG, afanáronse nas últimas semanas na preparación do repertorio que interpretarán, no que se inclúen temas populares e do Nadal propios destas datas.
Nos atrís dos estudantes estarán as partituras da panxoliña popular andaluza ‘Campá sobre campá’, ‘Noite de Paz’ de Joseph Mohr, ‘Vinde ver ou neno’ de Fuxan vos ventos ou ‘Jingle Bells’ de James Pierpont. A nova orquestra sinfónica interpretará tamén ‘Marcha Radezky’ de Johann Strauss, a panxoliña popular ‘Tamborilero’ e ‘Chamambo’. Sobre o escenario estarán acompañados polo coro de mans brancas do colexio Nosa Señora do Rosario, que forma parte do proxecto xunto cos núcleos do Centro Cívico de Monte Alto e o CEIP Alborada de Elviña.
Este será o segundo concerto que ofreza este 2017 a formación musical que dirixe o contrabaixo da OSG Diego Zecharies tras a actuación do pasado mes de xuño con motivo do Día da Música. Nesa ocasión máis de 1.200 persoas encheron o Palacio da Ópera para deleitarse coas habilidades musicais dos estudantes.
O concerto de Nadal deste domingo porá o broche final a un ano moi especial para todos os nenos e nenas que participan no programa. O pasado mes de xullo, coincidindo coa visita a Galicia do recoñecido director de orquestra Gustavo Dudamel para participar en Palabras para Galicia de ABANCA, os novos estudantes puideron compartir con el uns minutos de ensaio e coñecer a súa experiencia persoal como alumno de música. Ademais, gozaron do memorable concerto na Praza do Obradoiro no que o mestre dirixiu á OSG e o Orfeón Donostiarra na interpretación da Novena Sinfonía de Beethoven.
O apoio de ABANCA ao proxecto ReSuena promovido pola OSG responde a unha aposta clara do banco por promover a educación en valores da mocidade galega a través da música. O compromiso da entidade permitiu ampliar o programa que comezou inicialmente no Centro Cívico de Monte Alto a un segundo núcleo no CEIP Alborada de Elviña e que o número de participantes se acerque neste momento aos 200.