A USC e ABANCA organizan a I Feira de Innovación
A Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con ABANCA, achegará os días 27 e 28 de novembro a toda a cidadanía a súa oferta formativa, investigadora e de transferencia de coñecemento na primeira edición dunha feira na que ademais dará conta da súa aposta decidida por difundir a cultura emprendedora entre o estudantado universitario. A asistencia á I Feira de Innovación USC-ABANCA é gratuíta ata completar aforo, previa inscrición en cada actividade a través da páxina web.
Os pormenores da Feira e do III Campus ABANCA, que forma parte do programa do evento, explicáronos esta mañá en rolda de prensa explicáronos esta mañá en rolda de prensa o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o presidente de Afundación e director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA, Miguel Angel Escotet, e o vicerreitor de Planificación Estratéxica, Gumersindo Feijoo.
Nas dúas xornadas do evento, ao que xa están confirmados preto de 1.200 estudantes de bacharelato de toda Galicia, as persoas asistentes poderán asistir a exhibicións das máis innovadoras tecnoloxías (impresión 3D, drons, robots, lentes 3D…), presentación de spin-offs e patentes xurdidas na Universidade compostelá, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias, entre outras moitas actividades.
Conferencias divulgativas
Ao longo da Feira desenvolverase o ciclo de conferencias divulgativas ‘Amosar e transferir o coñecemento’, no que participarán os docentes e investigadores da USC Ángel Carracedo, Jorge Mira, María Cadaval, Francisco Dubert, Paz García, Sebastián Villasante, José Alonso, Marilar Aleixandre, Santiago Galdo e Ramón Díaz. As temáticas a tratar nestes relatorios van dende a xenética ou os fusos horarios aos fármacos e drons, pasando polos océanos, a investigación xurídica ou as linguas en contacto.
Haberá tamén unha mesa de debate titulada ‘Impulsando a I+Nutrición’ promovida co apoio de Carrefour que contará con representantes de empresas como Feiraco, Frinsa ou Aceites Abril.
Campus ABANCA
A Feira inclúe ademais a III edición do Campus ABANCA, cun programa de obradoiros, relatorios con especialistas de máximo nivel e a presentación dos proxectos finalistas do concurso dirixido a estudantes cunha idea ou proxecto de negocio baseado nas profesións do futuro: emprendedor, fundador de startup, ecommerce, profesional do marketing, community manager, deportista de elite, músico profesional ou actividades relacionadas coa música e as artes, coa innovación social e a sustentabilidade, a investigación e a industria 4.0.
Para o día 27 está previsto o Campus LAB, con catro obradoiros dirixidos aos creadores das 20 mellores ideas seleccionadas e dos que sairán os 3 finalistas que o día seguinte presentarán no Campus Battle os seus proxectos a quen asista ao congreso Campus ABANCA.