A VIII edición da Romaría Internacional de ABANCA reúne a 500 invitados en Baiona
- O encontro contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña
ABANCA celebrou hoxe en Baiona a oitava edición da súa Romaría Internacional, evento organizado co obxectivo de reforzar os vínculos da entidade cos seus clientes non residentes de distintos países de Europa e América. Nesta ocasión, o evento formou parte das celebracións programadas polo banco con motivo do seu 10º Aniversario.
A representación institucional de ABANCA estivo encabezada polo presidente do banco, Juan Carlos Escotet Rodríguez; o conselleiro delegado, Francisco Botas; o conselleiro Pedro López; o director xeral de Negocio Internacional, Alfonso Caruana, e o director xeneral Comercial, Gabriel González.
O encontro deste ano congregou a preto de 500 invitados procedentes de México, Venezuela, Brasil, Panamá, Estados Unidos, Suíza, Reino Unido, Francia e Alemaña. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, estiveron tamén no evento.
Juan Carlos Escotet Rodríguez iniciou a súa intervención trasladando ao alcalde de Baiona “a tristeza de todos os que formamos parte de ABANCA e dos aquí presentes polo falecemento en augas das Illas Malvinas do mariñeiro Santiago Leyenda. Estendemos as nosas máis sinceras condolencias á súa familia, coñecidos e compañeiros de tripulación. O noso pesar tamén polos outros mariñeiros falecidos e desaparecidos”.
O presidente de ABANCA repasou tamén os logros da entidade desde o seu lanzamento en 2014, facendo partícipes deles aos asistentes: “Vós fostes testemuñas do noso traballo e dos nosos empeños, e coñecedes de primeira man o propósito de ABANCA de acompañarvos nos vosos proxectos e empresas”.
Nestes dez anos ABANCA situouse como unha das marcas de referencia na banca española; posicionouse de maneira estable como un dos mellores perfís financeiros do sector; adaptou o seu modelo de atención á nova contorna dixital mediante un investimento de 1.000 millóns de euros en tecnoloxía; viu recoñecida a súa positiva evolución por parte das axencias de rating, e desenvolveu un amplo programa de responsabilidade social.
De cara ao futuro, o presidente de ABANCA expresou a vontade do banco de seguir “sendo un impulsor dos proxectos persoais e empresariais dos nosos clientes, a marca da proximidade, a organización que quere estar sempre preto de cada un deles”.