A Xunta de Accionistas de ABANCA adapta a súa política retributiva ás mellores prácticas europeas
- A entidade abonará en accións parte da retribución variable de determinados directivos
- A Xunta Xeral de Accionistas apoia a xestión e resultados de ABANCA en 2015
- O nomeamento de Ignacio Sánchez-Asiaín foi confirmado polos accionistas da entidade financeira galega
A Xunta Xeral de Accionistas de ABANCA ratificou varios cambios na política retributiva da entidade seguindo as mellores prácticas europeas nesta materia. Desta forma, os accionistas aprobaron o pago en accións dunha parte da retribución variable a un colectivo de persoas cuxas actividades profesionais inciden de maneira significativa no perfil de risco da entidade.
Os accionistas da entidade financeira galega apoiaron tamén a xestión e resultados do pasado exercicio na reunión de carácter ordinario que se celebrou esta mañá na Coruña. Ignacio Sánchez-Asiaín foi ratificado como conselleiro de ABANCA.
A reunión do máximo órgano de representación da entidade financeira galega rexistrou unha asistencia do 86,94% do capital social da entidade que aprobou por unanimidade todos os puntos da orde do día.
O Consello de Administración de ABANCA autorizou na súa reunión posterior á Xunta Xeral de Accionistas unha remodelación na composición do Consello e das súas comisións pola saída do mesmo do ata hoxe conselleiro Miguel Ángel Capriles. Capriles deixa as súas funcións no Consello por cuestións de carácter profesional que lle impedirían dedicar ao banco o tempo e o esforzo co que afrontou ata hoxe as súas responsabilidades.
Os conselleiros da entidade financeira galega agradeceron a implicación e o traballo de Miguel Ángel Capriles en ABANCA durante os dous anos que pertenceu ao Consello, e o papel desenvolvido no proceso de nacemento do banco e posterior consolidación do modelo de negocio da entidade financeira galega.
ABANCA conta con oito conselleiros, a maioría deles de carácter independente, Javier Etcheverría, Juan Carlos Escotet, Francisco Botas, Pedro López, Carina Szpilka, José Ramón Rodrigo Zarza, José García Montalvo e Ignacio Sánchez-Asiaín.