A Xunta Xeral de Accionistas de ABANCA apoia a xestión social e financeira de 2020
- A Xunta celebrouse presencialmente e permitiu a participación telefónica e telemática
- A Memoria de Responsabilidade Corporativa inclúe por primeira vez o reporte dos avances no marco dos Principios de Banca Responsable
- O banco conta desde este ano cunha Comisión de Nomeamentos e Sostibilidade
A Xunta Xeral de Accionistas de ABANCA, presidida por Juan Carlos Escotet Rodríguez, aprobou esta mañá, na súa reunión anual ordinaria, as contas anuais correspondentes a 2020 e a xestión da entidade no ámbito da responsabilidade corporativa durante o pasado exercicio. No encontro, no que estivo representado 91,85% de capital social da entidade, aprobáronse por unha ampla maioría os nove puntos que conformaban a orde do día.
A Xunta celebrouse presencialmente e permitiu a participación telemática e telefónica para asegurar a participación dos accionistas independentemente das posibles restricións derivadas da crise sanitaria que houbese que aplicar.
Os accionistas apoiaron co seu voto as contas anuais individuais e consolidadas do exercicio 2020. Ao peche do exercicio, ABANCA alcanzou os 100.000 millóns de volume de negocio e situouse como líder en calidade de activos en España coa menor taxa de morosidade, un 2,0%, e coa maior cobertura de activos improductivos, un 83,4%. De igual maneira, o banco mantivo un elevado nivel de capitalización e unha sa estrutura de financiamento.
A Memoria e unha nova Comisión reflicten a importancia da sostibilidade na estratexia do banco
A Xunta de Accionistas de ABANCA referendou tamén a actividade social desenvolvida pola entidade durante 2020 e a información non financeira incluída na Memoria de Responsabilidade Corporativa da entidade.
A principal novidade é a relevancia que cobra a información vinculada coa sostibilidade e o medio ambiente, reflexo dos compromisos adquiridos polo banco coa súa adhesión ás principais alianzas do sector: Principios de Banca Responsable, Compromiso Colectivo para a Acción Climática de UNEP-FI, Acordo Sectorial polo Clima do sector bancario español, os Principios de Investimento Responsable e os Principios para un Océano Sostible entre outros. Por primeira vez, a memoria inclúe o reporte dos avances realizados por ABANCA no marco do seu compromiso cos Principios de Banca Responsable, o principal acordo sectorial que fixa un estándar sobre o que implica ser un banco responsable.
Outro fito relevante no ámbito da Sostibilidade foi a recente creación dentro do seu Consello de Administración dunha Comisión de Nomeamentos e Sostibilidade para facer seguimento da estratexia do banco nesta materia. ABANCA situou a Sostibilidade no centro da súa estratexia no novo plan estratéxico 21-24.
En materia de bo goberno, ABANCA continúa avanzando na implantación de medidas do Código de Bo Goberno e, este ano converteuse na primeira entidade financeira española en contar coa verificación externa do seu modelo de gobernanza descrito no Informe Anual de Goberno Corporativo 2020. O informe de verificación foi validado por KPMG Asesores que tamén verificou a Memoria Corporativa.
Outros acordos
A Xunta Xeral de Accionistas de ABANCA aprobou tamén o novo máximo de membros do Consello dentro dos límites establecidos nos estatutos sociais e a modificación dos estatutos para poder celebrar a xunta exclusivamente de forma telemática.