A Xunta Xeral de Accionistas de ABANCA aproba a xestión social e financiera de 2019
- A Xunta celebrouse presencialmente e permitiu por primeira vez a participación telemática
- A entidade destinou a investimento social 50 millóns desde 2014
A Xunta Xeral de Accionistas de ABANCA, presidida por Juan Carlos Escotet Rodríguez, aprobou esta mañá, na súa reunión anual ordinaria, as contas anuais correspondentes a 2019 e a xestión da entidade no ámbito da responsabilidade social corporativa durante o pasado exercicio. No encontro, ao que asistiu o 83,92% de capital social da entidade, aprobáronse por unha ampla maioría os dez puntos que conformaban a orde do día.
A Xunta celebrouse presencialmente e permitiu por primeira vez a participación telemática. O Consello de Administración decidiu na convocatoria da Xunta habilitar este tipo de participación para evitar restricións derivadas da crise sanitaria que limitasen a asistencia dos accionistas do banco á Xunta de Accionistas.
Os accionistas apoiaron co seu voto as contas anuais individuais e consolidadas do exercicio 2019. Ao peche do exercicio, a entidade mantiña taxa de morosidade por baixo do 3%, na media da banca europea, e situábase á cabeza do sector financeiro español por cobertura de activos improductivos. De igual maneira, o banco mantiña un elevado nivel de capitalización, moi por encima dos requisitos regulatorios, e unha sa estrutura de financiamento.
A Xunta de Accionistas de ABANCA referendou tamén a actividade social desenvolvida pola entidade durante 2019. O banco destinou no últimos seis anos 50 millóns de euros a distintos programas de apoio á cultura, coñecemento, medio ambiente e educación en valores.
A sostibilidade e o compromiso coa sociedade tiveron relevancia no ámbito da responsabilidade social de ABANCA durante o ano pasado. A entidade foi un dos 130 bancos de todo o mundo en adherirse como signatario fundador aos Principios de Banca Responsable no marco da Asemblea Xeral de Nacións Unidas. Ademais, ABANCA formou parte do grupo de 31 entidades que asinaron o Compromiso Colectivo de Acción Climática, polo que se comprometen a aliñar a súa estratexia e actividade financeira para loitar contra o cambio climático.
En base a estas iniciativas e ao compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e ao seu propio Código Ético e de Conduta, a entidade activou en 2019 a súa Política de Sostibilidade, un documento que guiará a súa actuación para contribuír a construír un novo modelo económico sostible.
Outros acordos
A Xunta Xeral de Accionistas de ABANCA aprobou tamén dúas operacións para reforzar a capitalización do banco e adecuar a estrutura do capital e o volume de autocarteira aos niveis medios do sector, en liña coa política da entidade de excelencia en goberno corporativo. Os movementos acordados, sen impacto no nivel de solvencia do banco nin tampouco para os accionistas, consisten na redución do peso das accións propias, incrementando as reservas voluntarias indispoñibles, e no aumento do capital con cargo á prima de emisión.