ABANCA abre ao público a mostra “Picasso e o seu mestre na Coruña Isidoro Brocos”
- A exposición forma parte do circuíto que conmemora os 120 anos do pintor na Coruña
ABANCA Obra Social abre ao público este luns 16 de febreiro a exposición “Picasso e o seu mestre na Coruña Isidoro Brocos”, unha iniciativa coa que a entidade financeira quere sumarse á conmemoración do 120 aniversario da primeira exposición realizada por Pablo Picasso na cidade.
A mostra, organizada por ABANCA Obra Social en colaboración co Concello da Coruña e Afundación, reflicte a influencia que exerceu na obra e traxectoria do artista malagueño un dos seus máis admirados mestres durante a etapa que viviu na Coruña, Isidoro Brocos.
Miguel Ángel Escotet, director de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA, destacou na presentación que “a mostra representa parte da nosa achega á exposición principal sobre Picasso organizada polo Concello da Coruña no Museo de Belas Artes, intenta contribuír ao circuíto expositivo que conmemora os 120 anos da residencia do pintor na cidade e ademais permite a ABANCA avanzar no seu obxectivo de compartir coa sociedade o seu valioso patrimonio artístico”.
A exposición deseñouse a partir dunha selección dos fondos que forman parte da Colección de Arte de ABANCA, que inclúe a maior colección de debuxos e estudios de academia de Brocos, así como cinco obras de Pablo Picasso, entre elas Escena popular gallega, realizada en 1895 na Coruña e na que se pode apreciar a relación entre a obra do novo alumno e a do seu mestre.
Isidoro Brocos é un dos artistas galegos que mellor simbolizan o cambio das estruturas da arte entre o século XIX e XX. Exemplo tardío do realismo, artista académico e rexionalista, representa na arte galega todo un modelo do individuo moderno, tanto nos seus ideais como no seu sentimento estético.
Nos seus debuxos e esculturas queda patente o seu interese por afondar na cultura popular e a súa conexión co Rexionalismo, un costumismo que influíu sen dúbida no xeito en que o Picasso mozo retratou personaxes, campesiños e outros modelos que observaba nos seus paseos pola praia, a rúa Real ou o porto da Coruña.
A exposición serve tamén como escusa para mostrar ao público as cinco obras de Picasso que forman parte da Colección de Arte de ABANCA, contextualizándoas dentro dos seus diferentes momentos cronolóxicos. Xunto con Escena popular gallega poden contemplarse Quattre femmes (1901), Paquet de tabac et verre (1922), Profil à la fenêtre (1934) e Le peintre et son modele (1963).
A mostra compleméntase con pezas cerámicas, debuxos e material documental vinculado a Picasso cedido para a ocasión pola Fundación Pública Galega Camilo José Cela.
“Picasso e o seu mestre na Coruña Isidoro Brocos” estará aberta ao público na sede de Afundación na Coruña (Cantón Grande, 8) ata o 13 de xuño. Poderá visitarse de martes a venres de 10.00 a 20.00 horas, os sábados e festivos de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, e os domingos de 10.00 a 14.00 horas.