ABANCA abre as inscricións para a novena edición do seu Programa para Startups
- As candidaturas deben presentarse entre hoxe e o 17 de decembro a través da web de ABANCA Innova
- O programa ofrece ás startups un completo paquete de apoio destinado a dotalas de coñecemento e recursos para madurar o seu proxecto de emprendemento
- O equipo de innovación do banco está xa traballando nas probas de concepto das dúas startups seleccionadas na oitava edición: Wealth Reader e Papernest
ABANCA abriu hoxe o prazo de inscrición para participar na próxima edición do Programa para Startups de ABANCA Innova. Deseñado para apoiar a empresas emerxentes con ideas disruptivas nos sectores de fintech, insurtech, regtech ou cibersecurity, este programa continúa fortalecendo o compromiso da entidade financeira co ecosistema emprendedor e logrou consolidarse como un referente clave no noroeste peninsular.
Todas as startups interesadas en participar nesta novena edición poderán inscribirse, ata o próximo 17 de decembro, a través da páxina web de ABANCA Innova. Para ser seleccionadas, deben contar cun produto no mercado, aínda que sexa en etapas temperás, e dispoñer dun equipo formado con capacidade para levalo adiante.
Primeira sesión no mes de xaneiro
Tras o proceso de recepción e análise das propostas, un comité integrado por profesionais de diversas áreas do banco será o encargado de seleccionar os proxectos participantes no primeiro taller, que se levará a cabo no mes de xaneiro. As startups seleccionadas gozarán de importantes beneficios, xa que o programa ofrece un completo paquete de apoio destinado a dotalas de coñecemento de xestión e recursos económicos e materiais para madurar o seu proxecto de emprendemento. Faino seguindo a fórmula de anteriores edicións, a través de sesións con expertos do sector ou reunións con distintas unidades de negocio de ABANCA (Negocio, Innovación, TI e Investment Banking).
Deste xeito, os participantes poderán asistir a diferentes masterclass e mesas redondas con destacados relatores do ecosistema nacional de emprendemento. Ademais, tamén se desenvolverán as tradicionais sesións de ‘Café Fintech’, é dicir, charlas informais con directivos e empregados de ABANCA que lles permitirán coñecer o funcionamento da entidade.
Oportunidade de realizar unha proba de concepto con ABANCA
Con todo, o aspecto máis salientable do programa é a posibilidade de realizar un test real coa entidade, unha proba de concepto (PoC) na que a startup verá materializada a súa idea e poderá mostrar ao mercado a achega de valor da súa proposta. Durante este proceso, cada empresa emerxente contará cun mentor corporativo específico e recibirá un seguimento detallado por parte do equipo de ABANCA Innova.
En todas estas fases do programa utilizaranse metodoloxías áxiles que achegan flexibilidade e inmediatez, o que permite aforrar tempo e custos tanto ás startups como á organización. Ademais, á parte de contar coa participación de profesionais de distintas áreas de ABANCA, a iniciativa conta tamén coa habitual colaboración de HubIN, compañía especializada en innovación e emprendemento.
O programa presenta outras múltiples vantaxes, como a posibilidade de acceder ás instalacións de ABANCA Innova na Coruña, un espazo de coworking onde as startups poderán convivir cos profesionais de ABANCA e o seu ecosistema de emprendemento. ABANCA Innova ofrece, ademais, a posibilidade de recibir investimento directo en capital. Para iso, as empresas poderán participar en diferentes Startups Days da entidade e asistir aos principais eventos de investimento do ecosistema nacional de emprendemento.
Wealth Reader e Papernest, as startups seleccionadas na oitava edición
O éxito deste programa ponse de manifesto nas oito edicións que ABANCA Innova xa puxo en marcha, e nas que participaron numerosas startups que hoxe emprenderon un exitoso camiño no sector financeiro.
Actualmente, tras o arranque da oitava edición —que celebrou o seu primeiro bootcamp no mes de setembro— o equipo de innovación do banco atópase traballando nos pilotos das dúas startups seleccionadas: Wealth Reader, que desenvolveu unha aplicación que proporciona acceso estandarizado e en tempo real a calquera tipo de activo financeiro de calquera entidade, e Papernest, unha plataforma centralizada na que os seus usuarios poden centralizar e simplificar a xestión de subscricións e contratos como os da electricidade, Internet, seguros ou telefonía móbil.