ABANCA achega 2 millóns a Afigal e Sogarpo e ofrece condicións especiais aos seus socios
- O capital achegado incrementa en 25 millóns a capacidade das SGR para afianzar crédito
- ABANCA é socio fundador e o principal socio protector das SGR galegas
ABANCA, a través de senllas ampliacións de capital, achegará 2 millóns de euros ás sociedades de garantía recíproca galegas, Sogarpo e Afigal, das que o banco é o principal socio protector.
A operación foi presentada hoxe en Santiago de Compostela, xunto coa firma dun convenio a través do cal ABANCA ofrecerá condicións especiais de financiamento ás empresas avaladas por Sogarpo e Afigal. O acto contou coa presenza de Elena Muñoz Fonteriz, conselleira de Facenda da Xunta de Galicia, Juan Carlos Escotet Rodríguez, vicepresidente de ABANCA, e Francisco Botas Ratera, conselleiro delegado de ABANCA.
“A achega de capital realizada por ABANCA ten por obxectivo reforzar a solvencia e liquidez de ambas as SGR e enmárcase no noso compromiso de apoio ao tecido económico galego a través de todas aquelas actuacións que poidan mellorar o acceso ao crédito para as empresas e autónomos galegos”, sinalou Juan Carlos Escotet Rodríguez.
En última instancia o capital achegado por ABANCA beneficiará ao tecido empresarial galego ao incrementar a capacidade de Sogarpo e Afigal para avalar operacións de crédito en favor das pemes e autónomos da comunidade, que desta maneira verán melloradas as condicións nas que obteñen financiamento.
O capital achegado por ABANCA xera, sobre os niveis actuais das SGR, unha capacidade adicional para afianzar novas operacións de crédito por importe de 25 millóns de euros. Ademais, ABANCA ofrecerá condicións financeiras especiais ás empresas e autónomos avalados por Sogarpo e Afigal.
O banco con sede en Galicia abre unha liña de financiamento dirixida aos socios partícipes de ambas as sociedades de garantía recíproca para a realización tanto de novas operacións de crédito como de refinanciamentos. O acordo beneficia ás preto de 17.000 pemes galegas que, por ser socios partícipes das SGR, poden ser avaladas en operacións de crédito.
O convenio inclúe as seguintes modalidades de financiamento: Préstamo Novos Investimentos, Préstamo Adquisición e Reforma de Locais, Préstamo Circulante, Conta de Crédito, Leasing mobiliario, Leasing inmobiliario e Préstamo Reestruturación Pasivos. Crédito ABANCA As sociedades de garantía recíproca (SGR) emiten avais a favor dos autónomos e as pequenas e medianas empresas, que con iso ven mellorado o seu perfil de risco e poden acceder a condicións de financiamento máis favorables para os seus proxectos.
O investimento crediticio de ABANCA avalado polas dúas SGR galegas ascende a 145,3 millóns de euros (dato xuño 2014). Esta cifra representa o 50% do total de riscos garantidos por Afigal e Sogarpo. Durante o ano 2014, ABANCA formalizou préstamos e créditos con Afigal e Sogarpo por un importe total de 27,3 millóns de euros. ABANCA é socio fundador e o principal socio protector das dúas SGR galegas. A participación de ABANCA representa o 47,80% do capital social subscrito polos socios protectores en Afigal e o 41,16% en Sogarpo.