ABANCA achega 863 millóns en crédito a empresas e familias de Asturias no último ano
- O banco reforza o seu compromiso estratéxico co Principado, rexión na que aumentou un 83% a súa cota de mercado de crédito desde 2014
- O Consello de Administración da entidade celebra en Asturias a súa reunión mensual e mantén varios encontros institucionais
ABANCA destinou nos últimos doce meses un total de 863 millóns de euros en crédito a empresas e familias en Asturias. O compromiso do banco co desenvolvemento socioeconómico do Principado reflíctese principalmente na concesión de financiamento, unha estratexia que lle permitiu crecer un 83% en cota de mercado de crédito na comunidade desde 2014 e incrementar un 17,3% a súa base de clientes nos últimos tres anos.
O investimento crediticio da entidade financeira ao tecido empresarial e ás familias asturianas aumentou nos últimos dous anos un 10,5%, unha cifra que contrasta co decrecemento rexistrado polo conxunto do sistema bancario nesta rexión. Este impulso foi especialmente significativo en sectores como o inmobiliario, onde ABANCA é entidade financeira de referencia no Principado. O banco financiou no último ano e medio máis dunha vintena de proxectos de promoción inmobiliaria nesta comunidade.
Estas cifras foron analizadas esta mañá en Oviedo polo Consello de Administración de ABANCA, que desprazou a Asturias a súa reunión mensual, nunha xornada que inclúe tamén varios encontros de carácter institucional.
A primeira hora, os conselleiros, encabezados polo presidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, mantiveron un encontro con destacados empresarios da rexión, no que intercambiaron impresións sobre a evolución da economía no contexto actual e coñeceron de primeira man as inquedanzas e demandas do tecido empresarial asturiano.
Visita ao Real Grupo de Cultura Covadonga
Pola tarde, o Consello ten previsto desprazarse a Xixón para coñecer as instalacións deportivas do Real Grupo de Cultura Covadonga, entidade coa que ABANCA acaba de subscribir un acordo de colaboración. A continuación, Juan Carlos Escotet e Francisco Botas aproveitarán para visitar a oficina principal do banco en Xixón, onde se reunirán co equipo comercial.
Con esta axenda de traballo do seu máximo órgano de goberno, ABANCA quere reiterar o seu compromiso estratéxico con Asturias, a súa vontade de seguir crecendo nesta rexión en negocio minorista, fundamentalmente a través do apoio financeiro, ademais de tomarlle o pulso á actualidade do Principado.
ABANCA en Asturias
Asturias conforma, xunto con Galicia e León, a área principal de negocio de ABANCA. A entidade conta nesta comunidade autónoma con 12 oficinas (dúas delas de empresas) e un equipo humano que supera o medio cento de profesionais. Tras o plan de modernización da rede comercial nesta comunidade desenvolvido polo banco nos últimos anos, todas as oficinas están dotadas con solucións tecnolóxicas de última xeración, amplos espazos abertos (non hai mostradores nin despachos) e zonas diferenciadas en función do servizo que se preste ao cliente.
A recente compra de Banco Caixa Geral, cuxa integración legal e tecnolóxica concluirá no primeiro trimestre de 2020, permite a ABANCA reforzar a súa rede en Asturias con dúas novas oficinas e unha decena de empregados.
O banco mantén acordos e colaboracións relevantes con máis dunha vintena de asociacións e organizacións do tecido produtivo e empresarial asturiano, a través dos cales lles ofrece condicións financeiras diferenciais no mercado.