ABANCA adhírese ao ‘Programa Funcas Educa’ 2022/2023
- O director xeral de Responsabilidade Social, Sostibilidade e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, afirma que “é fundamental mellorar a capacitación de todos os colectivos sociais cunha sólida educación financeira”
- Para o director xeral de Funcas, Carlos Ocaña, “o obxectivo é mellorar a competencia dos cidadáns na toma de decisións financeiras e na xestión do seu diñeiro, en particular nos medios dixitais”
O director xeral de Responsabilidade Social, Sostibilidade e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o director xeral de Funcas (Fundación de los Bancos y Cajas de CECA), Carlos Ocaña, asinaron o convenio polo que ABANCA se adhire ao ‘Programa Funcas de Estímulo de la Educación Financiera’ –‘Programa Funcas Educa’- para o período 2022/2023. Ambas as institucións manteñen desde 2018 un acordo de colaboración co fin de impulsar o desenvolvemento de actividades destinadas a aumentar a cultura financeira dos españois.
Miguel Ángel Escotet destacou que “para ABANCA e Afundación é fundamental a colaboración con Funcas porque permítenos ofrecer propostas atractivas a todos os colectivos sociais, mellorando a súa capacitación nun aspecto clave na nosa sociedade como é unha sólida educación financeira”. Os programas de educación financeira de ABANCA e Afundación chegan cada ano a máis 100.000 persoas.
Pola súa banda, o director xeral de Funcas, Carlos Ocaña, sinalou que “o obxectivo do Programa Funcas Educa é mellorar a competencia dos cidadáns, para que adopten decisións financeiras acertadas e xestionen da maneira máis práctica e segura o seu diñeiro, en particular a través dos novos medios dixitais.”
A convocatoria de 2022 é a cuarta deste programa de colaboración coas entidades adheridas a CECA, dirixido a financiar proxectos que axuden a mellorar o nivel e a calidade da educación financeira dos españois. As entidades están a desenvolver accións de educación financeira que reforzan o seu labor social e adáptanse ás necesidades da poboación, condicionadas nos últimos dous anos pola pandemia. O crecente uso dos servizos financeiros telemáticos, a necesidade de potenciar a inclusión financeira facilitando o acceso dos colectivos máis vulnerables a estas canles ou o incremento do investimento en criptoactivos son algunhas das tendencias que modificaron os nosos hábitos e a nosa relación coas finanzas e que esixen mellorar os coñecementos financeiros.
En particular, no marco deste acordo, ABANCA, a través da súa Obra Social Afundación, promoverá proxectos de formación financeira, dirixidos a estudantes novos.
Entre as iniciativas, destacan dúas, a primeira delas, Young Business Talents, un programa que permite adquirir experiencia a través dun simulador empresarial tomando todo tipo de decisións dentro dunha empresa emulando con precisión o que ocorre no mundo empresarial. A participación estimúlase cunha competición rexional e nacional que dará un aliciente apaixonante a usar o simulador cunha final presencial que se desenvolverá en Madrid. A segunda “Pon o teu diñeiro a salvo”, un programa que pretende fomentar os coñecementos e comprensión en materia de ciberseguridade diante das ameazas e riscos da dixitalización, desenvolvendo novas competencias entre os mozos para favorecer unha responsabilidade "dixital" e financeira.
Funcas e CECA acordaron a posta en marcha a partir de 2018 do ‘Programa Funcas de Estímulo de la Educación Financiera’ co obxectivo de contribuír a financiar actividades de educación financeira que desenvolvan as entidades adheridas a CECA, ben directamente, ben a través das súas fundacións vinculadas, consolidando os proxectos xa existentes e impulsando outros novos.