ABANCA adianta unha semana o pago de prestacións por desemprego aos seus clientes
- A entidade abonará as prestacións o día 4 de maio, unha semana antes da data teórica de cobro ese mes
- ABANCA recomenda aos seus clientes que eviten acudir ás oficinas e que utilicen o caixeiro automático se necesitan dispoñer de efectivo
ABANCA volverá adiantar, por segundo mes consecutivo, o pago de prestacións por desemprego para apoiar a este colectivo de clientes especialmente afectado pola actual crise do COVID-19. Esta medida forma parte do Plan Anticipar, impulsado pola entidade para axudar a pemes, autónomos, empresas e familias a mitigar o impacto económico e social desta situación de emerxencia.
O adianto, desenvolvido en colaboración co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), permitirá que os clientes en situación de desemprego teñan abonado o importe da súa prestación contributiva o vindeiro luns, 4 de maio, con sete días de antelación respecto á data teórica de pago dese mes (a data habitual de abono é o día 10 de cada mes ou o seguinte día hábil).
Anticipo automático
O abono anticipado destes importes producirase de forma automática, polo que non será necesaria ningunha xestión por parte dos clientes. Durante o estado de alarma por esta pandemia, ABANCA recomenda aos seus clientes que eviten desprazarse ás oficinas e que utilicen as canles dixitais (banca electrónica e banca móbil) e de autoservizo da entidade. No caso de que necesiten dispoñer de diñeiro en efectivo, o banco aconsella o uso do caixeiro automático.