ABANCA adiantará o pago das prestacións de desemprego
- O abono farase o venres 3 de abril, con seis días de antelación sobre a data prevista
- A medida súmase a outras postas en marcha polo banco para paliar as consecuencias económicas e sociais da crise sanitaria
ABANCA anticipará aos seus clientes o importe correspondente ás prestacións por desemprego das que son beneficiarios. A través desta medida os clientes de ABANCA recibirán a súa próxima prestación mensual o venres 3 de abril, con seis días de antelación sobre a data de abono prevista, que para este mes era o 9.
A medida, desenvolvida en colaboración co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), ten como obxectivo contribuír a paliar as consecuencias económicas e sociais derivadas da actual crise sanitaria, especialmente no caso dos colectivos en situación de maior vulnerabilidade.
Outras medidas
O anticipo das prestacións por desemprego forma parte da batería de accións que ABANCA está a pór en marcha na actual situación de emerxencia.
Como primeira delas, o banco activou con carácter urxente o ‘Plan Anticipar’, mediante o cal mobilizou 7.900 millóns de euros en liñas de liquidez para empresas, pemes, autónomos, negocios e comercios. Tamén no terreo do financiamento, ABANCA comezou a formalizar o pasado venres operacións de financiamento con aval do Estado.
Doutra banda, a entidade decidiu anticipar automaticamente ao 24 de cada mes (ou seguinte día hábil) o pago de todas as pensións domiciliadas na entidade, unha media especialmente dirixida ao colectivo de clientes de maior idade.
Así mesmo, ABANCA acordou condonar tres meses o pago do aluguer ás familias que habiten en vivendas propiedade da entidade en España acollidas ao Fondo Social de Vivenda (FSV) e víronse afectadas por Covid-19.